O Concello da Coruña abre o prazo para solicitar a tarxeta de residentes na zona ORA

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Mobilidade que dirixe Begoña Freire, informa de que dende hoxe, luns 5 de xaneiro, e ata o 27 de febreiro, estará aberto o prazo para solicitar a tarxeta de residentes que habilita para aparcar nas zonas de ORA nos diferentes barrios da cidade. A área de Mobilidade sinala que unha vez transcorrido o prazo, unicamente se poderán solicitar aquelas tarxetas para novos vehículos, cambio de domicilio ou outras causas debidamente xustificadas.

Ao igual que o ano anterior, o Concello habilitou unhas oficinas na Estación de Autobuses (entrada principal), sita na rúa Caballeros número 21, que estarán abertas ao público de luns a venres e en horario de 8.00 a 14.00 horas.

A tarxeta de residente solicitarase mediante instancia, na que se expresará a matrícula do vehículo e se terá que achegar a seguinte documentación: fotocopia do DNI, o permiso de circulación do vehículo e o xustificante de pagamento da póliza do seguro obrigatorio en vigor.

Para a concesión da tarxeta de residentes deberán cumprirse os seguintes requisitos, ademais de aboar a taxa establecida na Ordenanza Fiscal n.º 21 por un importe de 18,65 euros:

– Ser persoa física, excluíndo en todo caso as xurídicas.
– Ter o domicilio dentro do perímetro de zona ORA.
– Ser titular do vehículo para o que se solicita a tarxeta.
– Estar ao corrente de pagamento do Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica no Concello, ou gozar de exención.
– Non ter pendente de pagamento en vía executiva sancións de circulación co Concello no momento de efectuar a solicitude.

En 2014 tramitáronse un total de 3.544 tarxetas de residentes, das que 2.884 se realizaron na campaña de xaneiro e febreiro, e 660 o resto do ano con motivo de cambios de domicilio ou novos vehículos.

5 de xaneiro de 2015 | 18:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.