O Concelleiro de Medio Ambiente de Lugo desmonta con datos as críticas do PP
O Voceiro do Goberno local e Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Luis Álvarez, infomou hoxe de que o Concello recibiu 264 solicitudes para a legalización de construcións que están en situación de fóra de ordenación e o 72% delas, 189, están pendentes de resolver porque os seus propietarios non presentaron a documentación necesaria.
Álvarez fixo públicos estes datos na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno na que tamén deu conta de que 75 solicitudes foron resoltas e 4 non se poden atender porque os particulares teñen problemas para acreditar no Catastro a antigüidade da existencia desas construcións.
O Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente respondeu con datos as queixas do Partido Popular, do que destacou que está a seguir “unha estratexia política moi simple e de manexo complicado”. Luis Álvarez fixo, deste xeito, un paralelismo coas observacións dun extraterrestre recén chegado á Terra que protagoniza a novela de Eduardo Mendoza ´Sin noticias de Gurb´, aínda que, ironizou, “neste caso o título debera ser ´Sin noticias de Castiñeira´”.
De seguido e dado que a falta de documentación impide resolver o 72% das solicitudes para legalizar construcións en fóra de ordenación, Luis Álvarez preguntouse se o Partido Popular “impulsaría de oficio a resolución deses expedentes con independencia de que se adecuase ou non a dereito”.
Álvarez avanzou que a estratexia do Partido Popular consiste en tentar desacreditar cada semana a xestión dun Concelleiro do Goberno local pero destacou que “ademais de que a mentira ten as patas moi cortas, encargarémonos de desmontar con datos esa estratexia que é fácil de dsempontar coa realidade”. Neste sentido, o Voceiro do Goberno local lembrou “a presenza dixital intensa e imprudente” de Jaime Castiñeira que o leva a falsear a realidade, por exemplo, difundindo un gráfico sobre a caída de ingresos dos Museos esquecendo que a entrada ós distintos Museos municipais é gratuíta.
Acordos da Xunta de Goberno
A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe o alleamento de seis vehículos municipais, entre eles un camión basculante con doble cabina, que se adxudicarán polo procedemento aberto mediante poxa pública dos vehículos municipais desafectados do uso público e declarados efectos non utilizables. Os vehículos están depositados no Parque Móbil Municipal situado no recinto de Frigsa e poderán ser examinados polos licitadores interesados ata o día anterior ao remate do prazo de licitación.
O prezo mínimo de venda da totalidade dos vehículos é de 3.500 euros e poderán ser mellorados á alza polos licitadores. Os interesados na adquisición dos ditos vehículos deberán de presentar oferta para a totalidade dos vehículos, sen que se poda poxar para un ou varios vehículos.
O prazo de presentación de proposicións será de quince días naturais contados dende a publicación dos anuncio de licitación no BOP de Lugo.
Por outro lado, a Xunta de Goberno Local acordou abrir unha información reservada, a proposta da Concellería de Educación, para estudar a veracidade duns feitos sobre supostas deficiencias no funcionamento da Escola infantil Serra de Outes comunicados por unha traballadora deste centro.











