O Club de Empresas Obradoiro quenta motores para o III Torneo ProAm – Galipizza
O Rio Natura Monbus Obradoiro celebrará o próximo mércores 21 o segundo evento da campaña dedicado ao Club de Empresas Obradoiro: a terceira edición do Torneo ProAm – Galipizza, patrocinado este ano pola firma que está a triunfar en toda Galicia coa súa peculiar carta gastronómica.
Este torneo cuadrangular reunirá catro equipos formado por patrocinadores, medios de comunicación e peñistas, xunto aos xogadores do primeiro equipo que compite na Liga Endesa. Todos os participantes deixarán de lado o seu rol habitual durante unhas horas para vestirse de curto e demostrar as súas habilidades na pista.
O desafío disputarase co formato de 5 X 5, con dúas semifinais e final para decidir o triunfador da competición. Cada un dos catro equipos participantes realizará entre dous e tres fichaxes dos nosos profesionais, dos cales só dous poderán estar en pista simultaneamente.
Á conclusión de Torneo farase a entrega de trofeos e ofrecerase unha orixinal degustación dos produtos de Galipizza. Como broche final, farase a entrega de trofeos aos gañadores da edición.
De novo, o evento terá a colaboración doutras moitas empresas do Club de Empresas Obradoiro, máis amplo cada día. É o caso de Vive, Enfios Texgroup, Estrella Galicia, Via Romana, Cabreiroá, Coca-Cola, Pazo de San Lorenzo,Vinigal, Air Hostess, Cega Audiovisuales, Multiúsos Fontes do Sar e Xoiaría Jael. O torneo tamén contará co respaldo da Federación Galega de Baloncesto.











