O club Baloncesto Nigrán acode con seis equipos ao torneo de minibasket do CB Redondela
O club Baloncesto Nigrán acudirá ao II Torneo de Minibasket que o CB Redondela organiza o próximo 14 de Febreiro cun total de seis equipos. Tres equipos de categoría baby, dous de categoría benxamín e un alevín forman este numeroso grupo composto por xogadores e xogadoras das escolas deportivas que o club ten nos colexios de Nigrán, Carlos Casares, que asiste ao torneo con dous equipos e
Cruz Camos, que asiste cun, así como o seu propio grupo de Iniciación formado maioritariamente por alumnos e alumnas do colexio Humberto Juanes, centro educativo que colabora dende hai meses co CB Nigrán. O equipo vinculado do colexio Escultor Acuña de Vigo e o equipo alevin do propio Cb Nigrán pechan o conxunto de equipos que viaxará a Redondela.
Este éxito de participación é o premio ao traballo que dende principio de tempada se vén facendo dende a dirección Deportiva do CB Nigrán nos centros educativos desta localidade coa posta en marcha de varias escolas deportivas que funcionan nos propios colexios dous días á semana, sesións nas que os nenos e nenas entre catro e doce anos fan deporte e gozan aprendendo as bases do baloncesto. Un obxectivo que sempre tivo claro Nuria Gómez, a súa directora deportiva, que agradece enormemente o apoio da súa Xunta directiva os que, dende un primeiro momento tiveron clara a importancia do desenvolvemento deste deporte nos propios colexios como base do deporte federado que máis tarde os xogadores e xogadoras desenvolven no propio club, unha idea que Nuria Gómez xa desenvolveu hai anos en Vigo obtendo grandes éxitos.
Este será o segundo torneo para estes nenos e nenas que xa quedaron con ganas de repetir despois da súa participación no I Torneo Solidario que o CB Nigrán organizou o pasado Decembro e no que os xogadores máis pequenos do club deron os seus primeiros pasos
gozando dunha xornada de deporte e convivencia con equipos de baloncesto de toda a comunidade autónoma. Un evento que concentrou máis de 600 nenos e que o CB Nigrán pensa repetir o próximo ano.
O bo funcionamento das Escolas Deportivas do Club Baloncesto Nigrán vén a completar o traballo que cada semana se realiza cos equipos que compiten a nivel federado, ambos os dous aspectos enmarcados no Proxecto que dende a Dirección Deportiva do Club se deseñou e que cumpren xa con éxito moitos dos obxectivos formulados dende o principio.











