O ciclo ‘Sen Numerar’ arranca a súa tempada o 17 de xaneiro no Fórum Metropolitano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A tenente de alcalde de Cultura, Ana Fernández, presentou esta mañá a tempada de primavera do ciclo Sen Numerar que arranca o próximo 17 de xaneiro no Fórum Metropolitano co obxectivo de completar a programación teatral que ofrece o Concello na cidade.
Nesta ocasión, a iniciativa, coa que colabora a Rede Galega de Teatros e Auditorios, contará con 8 espectáculos que buscan achegar ao espectador á produción de pequeno formato con traballos onde o espazo próximo proporciona unha experiencia diferente á dunha escena máis distante. Trátase de ofrecer ao espectador este tipo de espectáculos onde o espazo próximo permite concentrarse no texto e na actuación dun xeito case reverencial”, destacou Fernández.

Ademais, este ciclo, que conta con gran presenza de compañías galegas coas súas últimas producións, cumpre co obxectivo do Goberno municipal de achegar as artes escénicas aos máis novos. Por este motivo, un dos traballos -Eu encargábame dos nenos, de Floraría- contarán con representacións en horario escolar para estudantes de educación Secundaria e ofertará 600 prazas.

Esta cita completarase coas seguintes funcións:

– 17 de xaneiro: Nuevo Catch, de Impromadrid. Un espectáculo distinto e irrepetible no que dúas parellas de actores enfrontanse no escenario creando historias a partir dos títulos e as suxestións do público ao longo de sete “asaltos” con distintas regras e dificultades impostas por un mestre de cerimonias.

– 31 de xaneiro: Os contos de Joselín, da Central Folque. Espectáculo que recrea os contos e os cantares de José Rodríguez de Baiona.

– 13 de febreiro: Cuerdas, de Los Lunes. Un traballo que narra a historia de tres irmáns, os seus reproches e rancores, a raíz da retirada do seu pai, un funambulista de fama internacional que os invita ao seu último espectáculo.

– 14 de marzo: Pan¡ Pan¡, da Panadaria. Unha montaxe que reconstrúe os vellos westerns do afastado oeste da man de tres actrices que, con moito humor e retranca, recuperan a esencia deste xénero protagonizado normalmente por homes.

– 26, 27 e 28 de marzo: Eu encargábame dos nenos, de Floraría. Espectáculo que pon tres actores sobre un escenario construído a través da manipulación de obxectos e que se materializa cunha posta en escena sinxela para falar da igualdade.

– 24 de abril: Pegadas, de Teatro de Ningures. Casilda Alfaro recupera nove personaxes que interpretou en sete montaxes, ao longo de 25 anos de traballo na compañía, e que deixaron marca na súa experiencia como actriz.

– 2 de maio: Sede de mal, de Culturactiva. Comedia interpretada por Luis Iglesias B. e Xabier Deive no que se unen o humor e a música en directo.

– 29 de maio: Waltz, de Voadora. Conto que fala do amor e do desamor, dos namoramentos e das rupturas, da vida compartida e do recordo dos amores perdidos.

Todos os espectáculos serán no Fórum Metropolitano, ás 21.00 horas. As entradas terán un prezo de 9 euros -con descontos adicionais de 2 euros para os maiores de 65 anos, persoas con carné novo e desempregados- e entradas a 6 euros en venda anticipada. A única excepción será Nuevo Catch de Impro que terá unha entrada única de 10 euros.

Poden adquirirse no despacho central da praza de Ourense (de luns a venres, de 09.30 a 13.00 horas e de 16.30 a 19.30 horas), no centro sociocultural Afundación (de luns a sábado, de 09.00 a 21.00 horas), no teléfono 900 504 500 (de luns a sábado, de 08.00 a 22.00 horas), na web www.servinova.com, ou no despacho de billetes do Fórum os días da función dende unha hora antes (só se quedan entradas dispoñibles).

8 de xaneiro de 2015 | 18:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.