O ciclo de conferencias “Diversa. Arqueoloxía dende o Incipit alén Europa” conclúe con César González García

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e a Deputación de Pontevedra clausuran mañá o ciclo de conferencias “Diversa. Arqueoloxía dende o Incipit alén Europa”, que se desenvolve no Museo desde o mes de decembro, a cargo de científicos do CSIC no Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit), en paralelo a unha exposición fotográfica sobre os proxectos arqueolóxicos e etnoarqueológicos realizados en Guinea, Etiopía, Mongolia, Perú, Costa Rica e Uruguai.

Este xoves César González García, investigador de posdoutoramento Ramón y Cajal do CSIC no Incipit, impartirá a conferencia Orientatio ad Sidera. O ceo e as sociedades do Oriente Próximo antigo, que se centrará no interese, ó longo da historia das sociedades de Oriente Próximo, polos astros e as súas manifestacións. Nela realizarase un percorrido desde o comezo da agricultura en Gobekli Tepe ata o cambio de era, centrándose en como estas sociedades usaron o ceo para encontrar o seu lugar no mundo. En concreto, exploraranse tres momentos e sitios particulares: o imperio Hitita e a súa capital Hatusha, o cume do monte Nemrud no mausoleo do rei Antíoco, para rematar na Cidade Rosa do deserto: Petra, a capital dos Nabateos.

O conferenciante César González García (Valladolid, 1973) é doutor en Astrofísica pola Universidade de Groningen (Países Baixos). Desenvolveu unha activa liña de investigación no campo da arqueoastronomía e a astronomía na cultura. En concreto, estudou a conexión con eventos celestes do fenómeno megalítico en Europa, se ben nos últimos anos se centrou en estudos sobre a astronomía na cultura dos pobos do Mediterráneo antigo. Desde 2012 desenvolve o seu labor en Galicia como investigador contratado Ramón y Cajal no Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit).

A mostra “Diversa. Arqueoloxía dende o Incipit alén Europa”, que se clausurou o pasado domingo no Sexto Edificio do Museo, poderá verse noutros concellos grazas ó programa de exposicións que a Deputación de Pontevedra achega a outros puntos da provincia. O vindeiro 5 de febreiro inaugurarase no pazo de Torrado, en Cambados, e seguidamente viaxará ata Lalín e Vilagarcía de Arousa.

20 de xaneiro de 2015 | 17:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.