publicidade hoxe

O Ceip da Ramallosa doa 1.000 euros ao Banco Veciñal de Alimentos de Teo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

A comunidade educativa do CEIP da Ramallosa vén de recadar 1.000 euros que entregou ao Banco Veciñal de Alimentos de Teo. Esta cantidade acadouse grazas á venda dun calendario solidario que fixeron por segundo ano consecutivo. Nos últimos días o director do centro, Xosé Manuel Ferreirós, e a Coordinadora do Equipo de Dinamización de Lingua Galega, Nora Pousa, facían entrega simbólica desta aportación aos concelleiros de Benestar, Ignacio Iglesias, e de Educación, María Álvarez.

Segundo explican dende o propio colexio esta idea xurdiu do Equipo de Dinamización da Lingua Galega “para aliviar as necesidades das familias máis desfavorecidas da nosa contorna e ao mesmo tempo promover actitudes solidarias na nosa comunidade educativa”.

Para eso realizouse un calendario solidario que recolle unha memoria fotográfica das diversas actividades desenvolvidas no colexio, nas que o alumnado e en moitas ocasións as súas familias son os verdadeiros protagonistas. Ao carón das fotos recollidas, unha para cada mes deste ano 2015, tamén se recollen exemplos do refraneiro popular galego.

Editáronse 370 calendarios e grazas á colaboración do persoal do Centro, das familias do alumando, do profesorado e da dirección do CEIP da Ramallosa conseguiron xuntar 1.000 euros que foron entregados ao Banco Veciñal de Alimentos.

O Banco atende ó redor dunha ducia de familias con entregas de produtos semanais, o que permite que parte dos alimentos sexan frescos, unha característica que non teñen outro tipo de entregas que se centran en alimentos secos non perecedeiros.

2 de xaneiro de 2015 | 17:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.