O Burela impónse na pista do Ordizia
O Burela FS Pescados Rubén pechou hoxe os desprazamentos da primeira volta con tres puntos na pista do Ordizia (0-3), nunha cita na que mantivo sempre o control do partido. Aínda que ás laranxas lles faltou acerto para finalizar as numerosas chegadas das que dispuxeron os goles de Bea Mateos, na primeira parte, e de Gaby e Maite, na segunda, foron máis que suficientes para outorgarlles o triunfo ás de Quico Otero.
Na primeira parte, o dominio foi de cor laranxa, ante un equipo local que se limitou a esperar en media pista, ante o monólogo burelista. Bea Mateos adiantou as galegas no minuto 15, dende o centro da área. Tras o descanso o Ordizia incrementou a súa presión e o Burela FS, con catro faltas xa no minuto 25, soubo conterse. No 29, Gaby ampliou distancias, tras recoller na área un pase de Peque que culminou a brasileira de tacón. Sobre o minuto 33 as vascas intentaron a remontada con porteira xogadora pero tras dúas tentativas de ataque desistiron. Recuperaron o xogo de cinco nos últimos catro minutos sen éxito; foi precisamente con ataque de cinco, no 38, cando Maite aproveitou para anotar o definitivo 0-3 dende a pista laranxa, a porta baleira.











