O Burela FS recibe ao todopoderoso FC Barcelona
O Burela FS Pescados Rubén recibirá 2015 mañá ante a súa afección na xornada 17 coa visita do todopoderoso FC Barcelona coa atenta mirada das cámaras de TVG2 que seguirán o encontro en directo a partir das 20.00 horas.
O conxunto laranxa afronta con certo optimismo un novo reto dun complicadísimo calendario neste tramo inicial da segunda volta, trala visita ao Inter Movistar (5-0), ante un dos mellores equipos de Europa que ocupa a segunda praza da liga nestes momentos (40 puntos). “Na casa sempre fomos competitivos, en todos os partidos e con todos os rivais; cando se nos foron os puntos foi por marcadores axustados” explicaba o técnico burelista, Juanlu Alonso. “Nós non cambiamos a nosa actitude; chegamos coa intención de poñerlle as cousas difíciles a calquera e si mañá chegamos vivos aos últimos minutos poderemos ter opcións de sacar algo positivo” adiantaba o adestrador laranxa. Na primeira volta os cataláns impuxéronse 5-2.
No vestiario laranxa, á baixa do lesionado Miguel, súmase de novo Jorge Bellvert, que notou certas molestias na súa reaparición a semana pasada na pista do Inter Movistar. “Ambos xogadores están no súa última fase de recuperación; estamos desexando contar con todos os efectivos pero preferimos non arriscar” comentaba Juanlu.
Día do Club
Este será o terceiro e último Día do Club 2014-15 en Vista Alegre. A taquilla estará aberta desde as 19.00 horas.











