O Burela FS cae ante o todopoderoso Barcelona

Encontro disputado entre o Burela e o Barcelona
O Burela FS Pescados Rubén caeu esta tarde na visita do todopoderoso FC Barcelona por un axustado 2-3, nun encontro no que os pupilos de Juanlu Alonso ofreceron unha grande imaxe; mereceron máis logo dunha primeira parte con vantaxe de 2-1 e cunha gran reacción na segunda parte, sendo competitivos ata o final. Estes tres puntos colocan os cataláns no liderado.
O conxunto laranxa saltou á pista dun ateigado Vista Alegre con forza. Non quixeron ceder nadiña de nada dos seus espazos, plantaron cara e sentenciaron. Xa no minuto 3, Matamoros inauguraba o electrónico desde saque de esquina de Isi. Con vantaxe de 1-0 e tras unha tentativa envelenada de Dyego, Iago, no minuto 8, volveu facer vibrar a bancada, cun balón que se estrelou no corpo de Paco Sedano. Segundos despois, Gabriel non perdoaba e superaba a Edu cunha picada; co empate e rozando o ecuador da primeira parte, o 5 barcelonés volvía tentar a meta do naronés sen éxito. Desde balón parado, no minuto 13, o Burela FS volveu mover o marcador; esta vez con finalización de Iago Míguez desde córner de Antoñito e Edu volveu ser determinante cunha prodixiosa man fronte a un lanzamento afastado de Saad. Tiveron máis ocasións os mariñáns para marcar distancias, pero non conseguiron definir; a máis clara para poñerse 3-1 antes do descanso de Chano, a pase de Iago, que salvou Lin, no minuto 18.
O titánico Barcelona saltou á pista na segunda parte para dar a volta ao marcador. Xa no minuto 21, Lin controlaba e definía fronte a Edu cun disparo raso cruzado e tan só 30 segundos despois Ferrao, de costas na área, subía en 2-3, a pase de Saad. Co electrónico por primeira vez en contra, os laranxas seguiron traballando para xerar ocasións de perigo fronte ao gran Barcelona. Intentouno Matamoros, no 23, de lonxe, e Antoñito non conseguiu chegar no centro de Paco Sedano asistido por Isi, no 28. Pero a grande oportunidade, a que levantou a bancada de Vista Alegre, protagonizouna Mata rozando o minuto 30 ante un gran despexe de Sedano. Correctísimo tamén estivo Edu ante a avalancha catalá nos seguintes minutos, freando dúas tentativas moi seguidas, de Saad e Wilde, que precederon outro balón de ouro para os burelistas; Iago Míguez tivo nas súas zapatillas o empate, a falta de tres minutos para o final, salvado in extremis por Wilde. Os pupilos de Juanlu apostaron polo xogo de cinco nos últimos 57 segundos liderado por Mata, que tivo de novo nos seus pés o empate a tan só 8 segundos, sen tempo para máis.











