O británico Vessel protagonizará unha noite de electrónica de vangarda no ciclo PlaceresOcultos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

O músico e produtor británico Vessel e o portugués Atillla ofrecerán un dobre concerto en Santiago este mércores 28, na sede da Fundación SGAE a partir das 21,00 horas. As entradas anticipadas custan 10 euros e en taquilla poderanse adquirir por 13.

Sebastian Gainsborough, máis coñecido como Vessel, procede de Bristol e forma parte do colectivo orixinario da súa cidade Young Boto, un movemento que recentemente alcanzou notoriedade ao ser portada dunha das edicións da revista Wire.

A proposta de Gainsborough é ecléctica e nela conflúen o ‘dark ambient’, o ‘dubstep’ e ata o techno. Tras varios EP e dous longos ás súas costas, Vessel adivíñase como un dos renovadores da nova electrónica británica, unha bandeira que defenderá no Sónar 2015, no que xa se confirmou a súa participación.

Membro do selo Tri Angle xunto a nomes como Holy Other ou The Haxan Cloak, Vessel presentará en Compostela o seu último traballo, ‘Punish, Honey’ (Tri Angle, 2014), que inclúe temas sobresaíntes como Anima ou Rede Sex, segundo destaca a organización.

Pola súa banda, a obra do portugués Atillla “poderíase etiquetar baixo o concepto de ‘witch house”, apuntan os organizadores do dobre concerto.

As súas composicións son escuras, de corte minimalista, e con escasas, aínda que contundentes, variacións harmónicas, indican. A crítica e o público coincidiron en resaltar o seu directo, que complementa con proxeccións en vídeo, calculadas ao milímetro e que no seu concerto en Compostela estará acompañado por un batería que dará máis forza ás composicións do músico portuense.

26 de xaneiro de 2015 | 11:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.