O BNG instará ao Goberno galego a rehabilitar o barco ‘Bernardo Alfageme’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+
Europa Press
Rolda de prensa do BNG

Rolda de prensa do BNG

O BNG rexistrou unha proposición no Parlamento de Galicia para instar a Xunta a “iniciar conversacións” co Concello de Vigo encamiñadas a instalar o pesqueiro ‘Bernardo Alfageme’, e mantén que a rehabilitación integral do buque debería ser asumida pola Consellería de Cultura como “investimento de futuro”.

Nunha rolda de prensa, a deputada autonómica Carme Adán explicou que “había dúas posibilidades” de actuación con este barco: “colocalo nalgún sitio como unha maceta ou recurso ornamental” ou ben poñelo en valor como parte do patrimonio histórico e industrial de Vigo. “O alcalde decidiu colocalo nunha rotonda como unha maceta”, lamentou.

Por iso, o BNG instará á Xunta a que se implique na recuperación do barco e na súa musealización, porque a recuperación do ‘Bernardo Alfageme’ é unha “oportunidade” de dar a coñecer parte da historia de Vigo e tamén de dar dimensión ao propio Museo do Mar.

Así mesmo, tamén ten subliñado que existe un informe xa antigo elaborado polo propio Museo sobre as xestións necesarias para situalo nas súas instalacións. “Só habería que actualizalo”, engadiu.

“TODOPODEROSO ABEL”

Pola súa banda, o candidato do BNG á Alcaldía de Vigo, Serafín Otero, criticou ao rexedor olívico, ao que se referiu como “todopoderoso Abel”, por incumprir os acordos plenarios contrarios ao proxecto da rotonda, e polas súas “mentiras e falsidades” acerca da posición do grupo nacionalista.

Así, Otero recordou que “o BNG nunca votou a favor de poñer o barco en terra”, aínda que si apoiou unha modificación de crédito de 275.000 euros para acometer unha actuación urxente no pesqueiro e evitar o seu afundimento. “A nosa intención foi sempre a conservación do patrimonio, e colocar o barco nunha rotonda é algo irracional”, indicou.

Ademais, o candidato nacionalista mostrou o seu apoio á loita dos veciños de Coia, non só pola oposición ao barco, senón pola súa defensa de maiores investimentos para políticas sociais. A ese respecto, recordou que, entre os opositores ao barco na rotonda, hai veciños que levan décadas loitando por mellorar as condicións de vida do barrio, que “non” son vándalos e merecen todos os respectos”.

Finalmente, Serafín Otero cuestionou as cifras feitas públicas polo alcalde sobre o custo do proxecto, xa que fala de 100.000 euros, “cando só a iluminación da rotonda custará 115.000 euros”.

21 de xaneiro de 2015 | 12:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.