O aparcamento posterior de Fexdega abrirase as 24 horas para os afectados polas obras do Paseo Rodrigo de Mendoza
A obra de acondicionamento do paseo de Rodrigo de Mendoza entra esta semana na fase de cimentación. Os vehículos de usuarios de garaxes da zona non poderán circular polo paso durante os 10 próximos días, para garantir que o formigón consolide axeitadamente e adquira a resistencia necesaria. Para darlles servizo aos veciños, o Concello pon a súa disposición o aparcamento posterior de Fexdega, que permanecerá aberto as 24 horas do día a efectos de que poidan usalo sen restrición de tempo namentres se realizan os traballos.
A medida xa foi posta en coñecemento dos afectados, aos que a concelleira de Obras pregou a súa total colaboración para facilitar o correcto desenvolvemento da obra que, para evitar que o firme se deteriore de forma rápida, debe secar e compactar lentamente. Ana Granja apelou á paciencia dos usuarios que sufrirán esta incomodidade durante os próximos días, pero lembrou que se verán plenamente compensados unha vez remate a obra.
Aberto día e noite ata o 15 de febreiro
Aínda que o aparcamento dianteiro da Maroma é bastante amplo, a efectos de garantir que sempre hai prazas dispoñibles para uso dos veciños, o Concello manterá aberto o párking traseiro de Fexdega as 24 horas ata o día 15 de febreiro.
Aproveitando o tempo seco, a adxudicataria ten previsto empezar esta semana a otar o formigón en todo o tramo do paseo afectado polo proxecto (dende a ponte de Santa Eulalia ata a de Doutor Tourón). Unha vez estirado e nivelado, haberá que esperar a que seque totalmente. Será entón cando se reabra ao tráfico para os usuarios dos garaxes, e se darán os últimos retoques ao paseo antes de dar por rematado o acondicionamento.
106.435 euros do OPUXIM 2014
A remodelación do Paseo peoníl de Rodrigo de Mendoza execútase a través do PUXIM P(lan Urxente de Mantemento de Instalacións e Servizos Municipais) 2014 da Deputación Provincial, cun investimento de 106.435 euros. O Concello promoveu a realización deste proxecto co obxectivo de mellorar unha zona de paseo que se atopa moi deteriorada polo paso do tempo e polo paso dos vehículos que acceden aos garaxes da zona. O proxecto redactado polo Concello prevé a reposición das beirarrúas e tamén da calzada, cuxo pavimento actual se atopa totalmente estragado con zonas afundidas e rotura de baldosas que dificultan tanto o paso de peóns como dos vehículos que teñen nesa zona peonil a entrada dos seus garaxes.
As obras consistirán no levantamento total das baldosas actuais tanto das beirarrúas como da zona central. As novas beirarrúas rebaixaranse para quedar ao mesmo nivel que a zona de paso de vehículos, pero diferenciaranse desta porque se cubrirán con lousas similares ó das rúas adxacentes (Arcebispo Xelmírez e Fariña Ferreño). O paso central, polo que excepcionalmente circularán os vehículos para acceso a garaxes, habilitarase con formigón impreso, material moi resistente que garantirá unha maior durabilidade.
Entre as melloras ofertas pola empresa e que se incluirán no proxecto atópanse a renovación e colocación da canalización principal de saneamento nun tramo de 100 metros de lonxitude e a realización das acometidas individuais á rede xeral. Ademais, a empresa asume un aumento da calidade no material a empregar para a construción do bordo das beirarrúas, previsto inicialmente en formigón, e que grazas a esta mellora será de granito.











