publicidade hoxe

O alcalde do Carballiño resalta o carácter electoralista das declaracións do PSOE local

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Carballiño
A-
A+

O alcalde do Carballiño cualifica as declaracións do PsdeG PSOE do Carballiño como electoralistas “cunha intención de confundir os veciños só para un futuro proveito nas próximas eleccións municipais”. Estas declaracións do máximo edil carballiñés fundaméntanse en varios puntos. En primeiro lugar, e sobre a crítica da oposición en referencia ao paro parécenos pouco menos que temerario usar este argumento, co que socialmente leva consigo, sobre todo cando podemos observar nos datos estatísticos que durante todo o ano o paro no Carballiño descendeu, en contra da tendencia nacional e, malia que en novembro e decembro subiu esta cifra, séguese mantendo nas cifras do 2011. Dende que iniciamos este mandato realizamos numerosas accións para fomentar a contratación dos nosos veciños, como un número considerable deles poden afirmar. Iso é precisamente o que nos importa, eses veciños que conseguiron traballo grazas ás xestións realizadas dende este grupo de goberno (destacar a xestión con empresas de ámbito internacional que se instalaron no último ano no Carballiño e ofertaron postos de traballo local).

Sobre a política municipal en termalismo Argimiro Marnotes recordaba que “o termalismo no Carballiño está en mans privadas. Malia iso dende o grupo de goberno aprobamos unhas bonificacións fiscais para potenciar a construción do novo balneario de Partovia, que esperamos que estea rematado en setembro, por non contar as xestións que tivemos que realizar para retomar as boas relacións cos propietarios do Gran Balneario, relacións que se romperon en pasados mandatos socialistas,” así mesmo recorda Marnotes eses anuncios de expropiacións “irrealizables” anunciados dende o goberno do PSOE, que só valeron para entorpecer o futuro termal carballiñés.

En materia de crecemento poboacional Argimiro Marnotes confirmaba a súa intención de potenciar o empadroamento local pero non se puido facer xa que as bonificacións que pretendiamos facer eran contrarias á lei, co que non podemos obrigar a ninguén a empadroarse. Malia todo a maior poboación que perdeu O Carballiño é de emigrantes que regresan aos seus países, algo xeneralizado en todo o territorio. Non obstante somos conscientes que O Carballiño conta cunha poboación moito maior da dos 14.200 veciños que marca o noso censo”.

Por último, sobre o tema das obras realizadas durante este mandato, Argimiro sinala que non é cuestión de enumerar todas elas, pero é curioso que o PSOE non recoñecese aínda a grande obra do ámbito da Veracruz que tivemos que rescatar ante o nefasto proxecto que eles pretendían executar e que colocaba a nosa xoia arquitectónica entre muros de cemento. Pero se falamos de obras non podemos esquecer o tempo e o diñeiro gastado en arranxar o que herdamos de anteriores gobernos socialistas, como a súa “grande obra” do Arenteiro, que deixaron os colectores sen conectar, e que nós tivemos que executar, por non falar dos 3.500.000 de euros que tivemos pagar para devolver os impostos de obra cobrados, de forma un tanto ilegal, aos promotores en épocas socialistas”. Tamén recorda proxectos de impulso como a peatonalización de zonas comerciais da vila ou o tempo que nos está a ocupar resolver un problema como o da Fábrica de Papel, que segundo o anterior alcalde, estaba todo resolto, tanto que mesmo a Xunta investiu diñeiro e tempo nunha propiedade que nin se quera é municipal”.

Argimiro Marnotes finaliza asegurando que “aínda queda moito por facer para seguir impulsando o noso municipio, pero é difícil avanzar cando tivemos tanto que arranxar dos desastres realizados polos anteriores gobernos socialistas do Carballiño”.

9 de xaneiro de 2015 | 17:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.