O alcalde de Vilagarcía trasladará ao Goberno e á Xunta as propostas da UFP

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O alcalde de Vilagarcía, Tomás Fole, mantivo esta mañá unha reunión con tres representantes da Unión Federal de Policía (UFP). Javier Garrido, Carlos Rodríguez e Agustín Vigo lle transmitiron o que, por outra banda, xa era coñecido: a súa opinión de qué é necesario dotar de máis medios ás comisarías da provincia, en xeral, e á de Vilagarcía en particular. O rexedor, compartindo boa parte dos argumentos expostos polos sindicalistas, comprometeuse a trasladar esas ideas ao subdelegado do Goberno en Pontevedra e mesmo á Xunta de Galicia.

A situación do plantel de Vilagarcía, a posibilidade de utilizar as comisións de servizo como un medio de incrementar o número de axentes provisionalmente, a creación dunha Unidade de Prevención e Reacción (UPR) en Pontevedra, independente da de Vigo e polo tanto con máis posibilidades de atender a Vilagarcía e O Salnés, foron algúns dos temas tratados na reunión, sempre cordial e sobre intereses comúns. Por iso o alcalde non dubidou en ofrecerse como transmisor desas propostas e desas inquedanzas diante de quen ten a potestade para tomar as decisións ao respecto.

28 de xaneiro de 2015 | 18:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.