O alcalde de Vigo compara o barco de Coia coa Fontana di Trevi
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, insistiu este luns en que o Concello instalará o pesqueiro ‘Bernardo Alfageme’ na rotonda de Coia porque a cidade o quere, e reiterou que se trata da homenaxe de Vigo ás xentes do mar, ao tempo que o equiparou con outras “obras de arte”, como a Fontana di Trevi.
En declaracións aos medios, o rexedor olívico evitou concretar os prazos de colocación do buque, despois de que, nas últimas horas, a empresa encargada dos traballos tivese reiniciado as obras de acondicionamento dese espazo para a instalación do barco. “Todo ao seu tempo”, sinalou.
Segundo Caballero, “a cidade quere que alí haxa un barco”, e subliñou que o ‘Bernardo Alfageme’ será a mellor homenaxe de Vigo ás xentes do mar. “Que mellor sitio que no medio da rúa”, apostilou, e recordou a existencia de “grandes obras de arte” tamén nos exteriores públicos, como o caso da Fontana di Trevi.
“A cidade quéreo, e vaise facer”, reiterou, e sinalou que o ‘Bernardo Alfageme’ é un barco “grandioso pola súa beleza, que chama a atención”, aínda que recoñeceu que “está podre e non serve nada” por culpa de anteriores gobernos do BNG e o PP que o deixaron afundirse e podrecerse.
Con respecto ás críticas do párroco do Cristo da Victoria, que lamentou que o gasto deste proxecto non se destine a políticas sociais, e que arremeteu contra a Policía Local por deter aos activistas que protestaron contra a devandita iniciativa, o alcalde limitouse a proclamar: Dáme igual o que diga ese señor.
“ACTITUDE ANTIDEMOCRÁTICA”
Pola súa banda, a voceira do Grupo Municipal do BNG, Iolanda Veloso, criticou este luns a “actitude antidemocrática” de Abel Caballero, non só por incumprir os acordos plenarios que instaban a repoñer a rotonda orixinal, sen barco, senón pola “represión” á que somete os veciños que se manifestan “pacificamente” contra ese proxecto.
Veloso riscou de “preocupante” que o rexedor non só non escoite” os veciños, senón que “envíe á Policía Local”, actúe “con nocturnidade”, “minta” sobre a posición das forzas políticas, e mesmo acuse o BNG de instigar a violencia”.











