O alcalde da Coruña asiste en Madrid á homenaxe aos heroes do Orzán
O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, acode mañá, mércores 28 de xaneiro, a Madrid para asistir a dous actos: a homenaxe aos policías nacionais José Antonio Villamor, Rodrigo Maseda e Javier López que perderon a vida hai tres anos na traxedia do Orzán; e a presentación da oferta da Coruña na Feira Internacional de Turismo (Fitur).
O alcalde participa na homenaxe aos tres policías nacionais que faleceron na traxedia da praia do Orzán de hai tres anos. Nun acto presidido polo ministro do Interior, Jorge Fernández, ao que tamén asistirán entre outras autoridades o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva; procederase á colocación dunha réplica do monumento aos heroes do Orzán nos servizos centrais do Corpo Nacional de Policía, no complexo policial de Canillas. A homenaxe comezará ás 10.00 horas.
Carlos Negreira aproveitará o seu desprazamento á capital de España para presentar, ás 13.30 horas, no Instituto Feiral de Madrid (Ifema), a oferta da Coruña en Fitur 2015. Entre as novidades máis destacadas desta nova edición, o alcalde anunciará a imaxe gráfica da exposición El primeiro Picasso. A Coruña 2015, unha mostra que recolle a pegada galega da obra de Picasso e que se inaugurará o próximo 19 de febreiro no Museo de Belas Artes.











