Novas liñas de axuda para apoiar os investimentos e reforzar a competitividade das pemes de Vigo
O director do Igape, Javier Aguilera, presentou hoxe en Vigo as novas liñas de axudas activadas pola Consellería de Economía e Industria, dotadas con 6,5 millóns de euros e destinadas a facilitar os investimentos, a mellora da competitividade e a internacionalización do tecido empresarial galego.
Nesta xornada técnica desenvolvida na sede da Confederación de Empresarios de Pontevedra en Vigo, Aguilera Navarro destacou que o obxectivo das novas convocatorias é procurar que tanto os emprendedores como as pemes teñan, desde que arranca o novo ano, de apoios axeitados para impulsar novos proxectos empresariais e contribuír, así, a impulsar a reactivación da economía produtiva e a consecución da Industria 4.0, tal e como se pretende coa Axenda da Competitividade Industrial Galega.
Entre as novas convocatorias que vén de activar a Consellería de Economía e Industria cómpre subliñar as bases de axudas para procurar que as pemes galegas poidan impulsar a renovación dos seus equipos produtivos e mellorar, dese xeito, a súa competitividade. Esta liña ten capacidade para mobilizar, por si soa, 10 millóns de euros en investimentos empresariais.
Economía e Industria activou igualmente o programa Galicia Emprende, con apoios específicos para que os novos emprendedores poidan poñer en marcha un novo negocio ou consolidalo durante os primeiros meses de funcionamento. Estas axudas poden complementarse cos préstamos directos da liña Igape-Jeremie ou cos concedidos por Xesgalicia, recordou o director do Igape.
O Instituto tamén vén de convocar axudas para reforzar a proxección exterior das empresas galegas con apoios á contratación de xestores expertos en comercio internacional. E, por outra banda, o Igape activou un ano máis os apoios para que as empresas do sector téxtil poidan desenvolver as súas estratexias de internacionalización.
Tamén se acaba de convocar unha nova liña para impulsar a formación do capital humano a través da cooperación empresarial e o aproveitamento de sinerxías entre varias compañías, no marco de proxectos promovidos centros tecnolóxicos e outros organismos intermedios de carácter empresarial.
Finalmente, o Instituto convocou unha nova edición das bolsas formativas vinculadas ao programa ReAcciona para seleccionar a 100 novos titulados que poderán acceder a formación práctica especializada colaborando na implantación dos proxectos de mellora que se impulsarán, durante este ano, en máis de 300 empresas galegas.
Apoios ao emprendemento
Por outra banda, Consellería de Industria achegará mañá, a través do Igape, información sobre os servizos e apoios para cada fase do emprendemento durante unha mesa redonda que se desenvolverá, a partir das 12,15 horas, no IES de Teis. O Igape dispón de servizos de formación e asesoramento para facilitar a maduración das ideas empresariais e a posta en marcha e consolidación de novas empresas, tamén mediante axudas a fondo perdido ou préstamos directos.











