Nos vindeiros días comezan novos cursos do programa municipal de actividades de inverno na Laracha
Unha vez finalizado o programa cultural de Nadal e coa volta á actividade nos centros de ensino tralas festas, o Concello da Laracha porá en marcha nos próximos días novos cursos e obradoiros incluídos no programa municipal cultural e deportivo que se vén desenvolvendo desde o pasado mes de outubro e que finalizará en maio.
O curso de labores de tecido (no que se ensina calceta e punto de cruz, entre outros contidos) comezará o próximo martes e impartirase en sesións semanais de dúas horas de duración, concretamente desde as 18:00 ás 20:00 h nunha aula do edificio de servizos múltiples da Laracha.
As outras disciplinas que principiarán ao longo do mes de xaneiro, con data de inicio aínda por confirmar, son:
– Obradoiro de bixutería: para nenos e adultos, con cursos na Laracha, Paiosaco e Caión.
– Tiro con arco: nenos e adultos. As clases impartiranse no pavillón do IES Agra de Leborís os sábados pola mañá.
– Bailes latinos: para adultos, en A Laracha os venres de 20:00 a 21:30 horas.
Nos meses de febreiro e marzo comezaranse as últimas actividades do programa, que son os cursos de pádel, tenis, cociña, informática, obradoiros de cupcakes e galletas, pilates, arte floral (en Erboedo, Cabovilaño, Montemaior e Caión) e ximnasia de mantemento en Lemaio (nas outras parroquias a actividade xa está en marcha).
Para todas estas propostas aínda quedan prazas dispoñibles. As persoas que desexen anotarse deben facelo acudindo ao Concello da Laracha en horario de oficina. É requisito imprescindible estar empadroado no municipio. As cotas de inscrición son moi reducidas, existindo descontos a partir da segunda actividade e tamén para as persoas maiores de 65 anos de idade, menores de 18 anos, familias numerosas e aquelas familias nas que todos os seus membros se atopan en situación de desemprego.
Ao longo dos tres primeiros meses de desenvolvemento do programa de actividades, desde outubro ata finais de decembro, contabilizáronse preto de mil participantes, un claro indicativo da boa acollida e valoración que as diferentes propostas culturais e deportivas están a ter por parte dos veciños do Concello da Laracha.











