Normalización Lingüística presenta o programa Ponte a Europa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Concellaría de Normalización Lingüística presentou esta mañá o programa Ponte a Europa que pretende dinamizar o uso da lingua galega a través de conversas e narración multimedia entre escolares de 5º e 6º de Primaria. Ponte a Europa tivo o pasado curso unha experiencia previa denominada naquel momento Ponte a Londres que resultou todo un éxito na comunidade escolar na que se desenvolveu.

Nesta edición participarán 22 alumnos do CEIP de Lérez, 38 de Xeve e 8 de Campañó, así como oito universitarios europeos estudantes de lingua galega, pertencentes a sete universidades, baixo a coordinación do poeta e filólogo pontevedrés Isaac Xubín.

Os alumnos participantes son:

• Universidade de Oxford: Scott Challinor

• Universidade de Birmingham: Robert Farr

• Universidade de Varsovia: Kasia Szczechula

• Universidade de Zadar: Lucija Batur e Matea Reskov

• Universidade de Berlín: Suliman Adam

• Universidade de Cork: Nick Murphy

• Universidade de Helsinki: Ilari Lahtela

As distintas actividades do programa impulsarán o galego como lingua de comunicación entre o alumnado e axudará aos nenos e nenas de Pontevedra a valorar a lingua galega como lingua de comunicación. Tamén se incentivará a reflexión de que o coñecemento, o uso e a valoración do galego é unha fonte de riqueza lingüística e de identidade que abre as portas a un universo infinito de coñecementos e á comunicación con moitos países fóra de Galiza.

Os eixos centrais do programa serán o uso, a posta en valor e a difusión da lingua e cultura galega entre a mocidade e dende a mocidade; o coñecemento doutros lugares de Europa a través da lingua galega e o uso responsable e crítico da tecnoloxía, así como a construción colaborativa de contidos web e multimedia.

O obxectivo xeral é a mellora da competencia lingüística do alumnado na lingua galega durante todo o proceso e a posta en valor do patrimonio cultural, inmaterial e dixital deses núcleos e así adiantar un paso máis no proceso de normalización lingüística.

• Contribuír á posta en valor e favorecer un sentimento de orgullo e de defensa do galego entre a mocidade e os seus familiares, así como dos seus xeitos de vida, por moi diferentes que sexan.

• Posta en valor da vida cotiá no rural galego como elemento motivador para a creatividade e as actitudes activas.

• Contribuír ao uso e manexo da tecnoloxía.

Os obxectivos específicos:

• O uso do galego en todo o proceso. Potenciarase o seu valor como identidade e uso nos distintos ámbitos da súa vida cotiá (música, deporte…) espazos cos que se sintan identificados/as.

• Contribuír a desenvolver a conciencia lingüística borrando prexuízos lingüísticos detectados cara á lingua galega. Buscar fórmulas de actuación para subliñar o valor da nosa lingua como identidade e a posibilidade real de ser usado en calquera contexto.

• Visibilizar usos do galego en contextos e soportes de vangarda: Internet, arte, tendencias.

• O coñecemento da cultura actual galega e de tendencia que poida ser inspiradora para o alumnado tanto de Pontevedra como de Europa.

• A divulgación do patrimonio inmaterial e cotiá da vida no rural galego a través dos seus ollos e dos contidos que poidan crear, como elemento para a posta en valor da realidade que lles rodea.

• A conversa multimedia en galego con mozos e mozas moi afastados xeograficamente, culturalmente e socialmente, mais que aposta por estudar o galego.

• A importancia no valor de crear contido na rede en galego. • O aprendizaxe e uso de ferramentas TICS en galego e baseadas en Software libre.

• Introducir a perspectiva de xénero nos distintos procesos de ensino e aprendizaxe aportando exemplos de mulleres na vangarda cultural galega.

Para acadar os obxectivos traballarase ao longo de cinco meses con:

1. Cinco sesións nos centros educativos en horario escolar, onde se traballará en galego cunha proposta clara: a dinamización do uso do galego partindo da divulgación cultural da realidade, amosando e divulgando o que se fai en Galiza nos diferentes ámbitos de maneira motivadora para o alumnado.

2. Un blog didáctico dirixido, como ferramenta con contidos que abranguen a divulgación de proxectos e propostas creativas galegas de tendencia; o proceso do proxecto a través da fotografía e vídeo; os contidos elaborados polo alumnado en diversos formatos e as conversas, reflexións e debates que poidan xurdir das tarefas presentadas.

3. O blog será o elemento vertebrador de toda a acción educativa; axudará a establecer un diálogo continuo entre docente e alumnado, e entre o alumnado de Pontevedra e os mozos e mozas de Europa.

4. O seguimento online das actividades durante os meses de duración do proxecto empregando como ferramenta o correo electrónico, e o blog.

5. A elaboración dun documental que de conta do proceso de todo o proxecto e a tarefa creativa do alumnado. Todos os contidos estarán dirixidos e titorizados por persoal con experiencia na dinamización de colectivos.

28 de xaneiro de 2015 | 18:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.