Musical ‘Show de los Muñecos’, ‘A cantar con María Fumaça’, Cabalgata e Gala de Reis no Nadal de Verín
O Concello de Verín e a Asociación de Empresarios de Verín-Centro Comercial Urbano Verín (AEVER-CCU Verín) promoven, neste último fin de semana de Nadal, as seguintes actividades lúdicas e musicais:
– Musical ‘Show de los Muñecos’ (03 de xaneiro, ás 18 horas). No Pavillón Municipal de Deportes. Musical infantil no que personaxes coma Pinocho, Hello Kitty ou Winnie the Pooh interpretarán cancións de hoxe e de sempre. Da man dun mestre de cerimonias moi especial, un zancudo-malabarista, nenos/as e adultos interactuarán cos bonecos ao longo de todo o espectáculo. Durante o mesmo, AEVER-CCU Verín entregará o seu premio de 1.000 euros da promoción ‘Este Nadal Merca en Verín’. Nesta campaña, que conclúe hoxe venres, poden participar todas as persoas que compren ou consuman nos establecementos asociados a AEVER-CCU Verín (o consumidor debe entregar os cupóns nas oficinas de AEVER-CCU Verín).
– Cantos de aguinaldo (04 de xaneiro, ás 10 horas). Na Residencia de Anciáns Santa María. Actuación do Coral do Centro Sociocomunitario de Verín. Conta coa colaboración da Comunidad de Hermanitas de los Ancianos Desamparados e o Centro Sociocomunitario de Verín.
– ‘A cantar con María Fumaça’ (04 de xaneiro, ás 18 horas). Na Casa da Cultura de Verín. Actuación de Uxía cos músicos Santiago Cribeiro e Héctor Lorenzo. ‘A cantar con María Fumaça’ é un proxecto musical liderado pola cantante Uxía Senlle, que pretende transmitir unha visión optimista sobre a discapacidade na infancia. A través dos bailes e as cancións queren contaxiar a alegría de vivir e conseguir que os/as máis pequenos/as da casa asuman comportamentos de tolerancia e igualdade cara aos demais. Este proxecto nace como unha idea de Uxía para agasallar a Rui, o seu afillado, o cal presenta unha discapacidade. As cancións que cada Nadal se cantaban para Ruí, por parte de Uxía e outros amigos artistas e músicos, son a base na que se inspira ‘A cantar con María Fumaça’. A través del e durante unha hora ponse de manifesto que a diferenza pode vivirse con normalidade e que amplía horizontes, contaxiándose da alegría e musicalidade.
– Cabalgata e Gala de Reis (05 de xaneiro).As rúas de Verín acollerán a tradicional Cabalgata dos Magos de Oriente, a partir das 18 horas. Os reis Melchor, Gaspar e Baltasar saíran desde a Casa do Escudo e tras percorrer a avenida Luis Espada, rúas Deputación e Irmáns Moreno, concluirán a súa viaxe no Pavillón Municipal de Deportes onde terá lugar unha gala, na que participarán o alcalde infantil e os/as seus/súas concelleiros/as. Durante a cabalgata os Reis Magos irán acompañados non só dos paxes senón tamén de menores disfrazados de anxos, estrelas e pastores/as. Con anterioridade, ás 16.15 horas, acudirán a Residencia de Anciáns Santa María para entregarlle presentes ás persoas maiores residentes.
Por outra banda, o luns 05 de xaneiro finaliza a mostra ‘O Nadal nas Artes’, organizada pola Escola de Artes e Oficios de Verín na Sala de Exposicións de Verín. Está conformada por obras realizadas por arredor de 150 alumnos deste centro co Nadal como tema central. A mesma poderá visitarse de luns a sábado das 10 ás 14 e das 17 ás 19.30 horas.











