Mos solicita a ampliación das horas asignadas para o Servizo de Axuda no Fogar para persoas dependentes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Benestar Social mosense, Sara Cebreiro, informaron hoxe de que dende a administración local estase a traballar para intentar ampliar o número de horas do Servizo de Axuda no Fogar para persoas valoradas en situación de dependencia (SAF).

Para elo o Concello de Mos xa cursou solicitude á consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, da que está á espera de recibir resposta. As representantes municipais explicaron neste sentido que a administración local mosense dispón xa dunha partida presupostaria do orzamento 2015 destinada a tal fin, ó ampliar para elo a contía da partida destinada a servizos sociais respecto do pasado ano 2014.

Actualmente o departamento municipal de Benestar Social lles presta o Servizo de Axuda a Domiciliopara persoas en situación de dependencia a 35 usuarios e usuarias. Número este de beneficiarios que o Concello espera poder incrementar de ser autorizada a ampliación de horas por parte da Xunta de Galicia.

Detalles do servizo

Os beneficiarios do servizo son preferentemente persoas maiores con déficits de autonomía e persoas con discapacidade, especialmente cando carecen de apoio persoal no seu contorno inmediato.  O único requisito  para poder optar a este servizo é estar en situación de dependencia e ter o SAF como recurso idóneo.  

Este servizo cobre asistencias ós beneficiarios nos seus respectivos domicilios tales coma atencións de carácter persoal na realización de actividades básicas na vida diaria, atención das necesidades de carácter doméstico e da vivenda, atencións de carácter psicosocial e educativo e, con carácter complementario, este servizo tamén incorpora outros tipos de atención como actividades de acompañamento, prestación de atención a distancia, adaptacións funcionais do fogar, servizo de podoloxía e servizo de fisioterapia.

O SAF ten por obxecto prestarlles un conxunto de atencións ás persoas no seu domicilio, dende unha perspectiva integral e normalizadora, naquelas situacións nas que teñan limitada a súa autonomía persoal, facilitando a permanencia no seu propio contorno de convivencia, favorecendo a súa calidade de vida e evitando ou retardando a súa posible institucionalización. Os obxetivos do Servizo de Axuda no Fogar son mellorar a calidade de vida das persoas usuarias, posibilitar a permanencia das persoas no seu contorno de convivencia habitual, favorecer e potenciar a autonomía persoal no propio domicilio, manter, mellorar e recuperar as redes de relación familiar e social; previr situacións de dependencia e retardar ou evitar a institucionalización.

26 de xaneiro de 2015 | 18:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.