Mos lidera a xestión eficiente de coches abandoados na provincia
A concelleira de Medio Ambiente e Urbanismo do Concello de Mos, Julia Loureiro, informou hoxe de que nos pouco máis de tres anos e medio que leva funcionando no municipio mosense o servizo de recollida de vehículos abandoados conveniado entre a administración local e a Deputación de Pontevedra, retiráronse nesta localidade máis de 40 automóbiles da vía pública, sendo deste xeito o de Mos o segundo Concello da provincia no que o servizo funciona mellor e máis eficientemente, ó acadar un dos maiores números de vehículos identificados, retirados e reciclados.
Segundo explicou Loureiro, “este óptimo funcionamento do servizo é posible en gran parte gracias ó gran labor da Policía Local, sumado a que os cidadáns mosenses son cada vez máis cívicos e toman a iniciativa de informar á administración da existencia de coches en estado de abandono nas inmediacións dos seus fogares”. Ademais esta eficiencia repercute directamente na mellora do entorno medioambiental do Concello de Mos, ó eliminar do mesmo todos os residuos de gran tamaño e altamente contaminantes que supoñen os coches abandonados.
O procedemento a seguir para a retirada e reciclaxe destes vehículos consiste en que a Policía Local de Mos localiza o automóbil presuntamente en desuso e abandoado e pasa a emitir un informe sobre o mesmo dirixido ó departamento municipal de Medio Ambiente, que procede a poñerse en contacto co titular do coche en cuestión, que á súa vez dispón dun prazo dun mes para retiralo da vía pública ou ben entregar no Concello unha serie de documentación necesaria para proceder á tramitación da baixa do mesmo. Se o propietario do vehículo non se manifesta no prazo dun mes, é a propia administración local a que tramita a baixa e retirada do automóbil.
Estes trámites, que soen prolongarse no tempo aproximadamente dous meses, van sucedidos da retirada inmediata do coche por parte da empresa concesionaria repercutindo nun beneficio tanto estético como medioambiental para o municipio.
Este servizo de recollida e posterior tratamento de descontaminación de vehículos abandoados é posible en Mos gracias ó convenio de colaboración que o Concello asinou coa Deputación de Pontevedra en maio de 2011e se renovou en 2013 por dous anos máis. O vindeiro mes de abril este servizo cumprirá 4 anos en funcionamento no municipio mosense.
O Concello de Mos asinou este convenio consciente do incremento do número de vehículos abandoados no municipio, coa conseguinte contaminación visual e ambiental que isto provocaba. Mediante o mesmo a Deputación asumiu a recollida e transporte dos automóviles a un centro autorizado para que sexan sometidos a un proceso de desmontaxe e descontaminación.
Neste sentido, Julia Loureiro maniféstase satisfeita ante o feito de que con este servizo se contribuíra sensiblemente a eliminar a contaminación causada polos coches abandoados e o impacto visual que afeaba a imaxe do contorno do municipio.
Máis detalles do servizo
O servizo concertado da Deputación Provincial de Pontevedra de recollida de vehículos abandoados encárgase da retirada de ditos vehículos que, posteriormente á súa recollida, son debidamente tratados e descontaminados durante un prazo de 4 anos.
A Deputación recolle e transporta ata un centro de tratamento autorizado os automóbiles localizados pola Policía Local de Mos e que se atopan abandoados ou fóra de uso no municipio, para sometelos a un proceso de desmontaxe e descontaminación previsto pola lei.











