Moncho Fernández: “O ritmo do partido vano marcar as perdas e o rebote”
O equipo do Rio Natura Monbus Obradoiro volveu hoxe ao traballo tras o comezo do novo ano, preparándose para afrontar o choque deste domingo en Málaga ante o líder invicto da Liga Endesa, o Unicaja (18.00 horas).
O técnico Moncho Fernández asegura que “xa falamos moito da Barcelona e tido tempo de asimilalo. Pero agora temos que centrarnos en que temos un reto moito máis difícil: imos a xogar contra o equipo máis en forma da Liga, invicto e cunhas estatísticas incribles. Un equipo moi difícil”. Ao que engade: “Temos que ter confianza, pero non ir confiados, que son cousas diferentes. Van ter o apoio do seu público, nunha pista moi complexa. Hai que ser consciente de que como te relaxes un mínimo che pasa o que lle pasou a todos os que foron a alí ata agora”.
As claves do encontro pasan, segundo o adestrador, por “xogar coa mesma enerxía, que é básico. Tamén manter o nivel ofensivo, ese acerto, pero sobre todo a concentración, a loita e estar centrado no plan de partido, respondendo ás consignas que este nos pide,”. A esixencia do rival vese en que “son un equipo que defende de medo; ofensivamente son os que máis puntos meten por posesión, só hai que ver a conexión entre Granger e Vázquez. Ademais teñen moita calidade no perímetro con Toolson, Vasileiadis, Suárez e Kuzminskas, que está a demostrar por que Joan o trouxo do Zalgiris Kaunas,”.
“O que nos interesa é un partido no que non teñamos perdas nin ofensivas nin defensivas, como o é o rebote de ataque. En porcentaxe de posesións por partido son o equipo que mellor rebotean en ataque: o outro día ao CSKA collérono vinte e cinco, que é unha barbaridade. Iso mingua a túa capacidade porque é unha opción que lle dás e unha que che quitan. O ritmo do partido vano marcar as perdas e o rebote, máis que a velocidade. É normal que capturen rebotes, o que hai é que baixar a media”, analizou o técnico santiagués, que tamén tivo palabras para o adestrador Joan Plaza: “Nótase moito a súa man en todo. En que é un equipo solidario bo no un contra un, que rota moi ben, que cambia e que alterna diferentes solucións: un equipazo”.
Da expedición obradoirista, prevese que todos os xogadores viaxen, a pesar do edema óseo que arrastra Keaton Nankivil no talón dun pé e do virus gástrico que obrigou a Daniel Miller a visitar o Hospital Policínico La Rosaleda.











