Moncho Fernández: “No Nou Congost sustentouse a historia de La Bruixa D’Or Manresa”
O Rio Natura Monbus Obradoiro pon rumbo mañá a Manresa para enfrontarse ao La Bruixa D’Or de Pedro Martínez (sábado 20.30 horas – TVG2 e E3), un equipo “moi cambiado dende que visitou Sar” en palabras do adestrador santiagués Moncho Fernández.
Antes de comezar, o técnico fixo un pequeno balance da primeira volta do seu equipo: “Creo que é para estar satisfeito do conseguido, pero esperamos seguir mellorando partido a partido. Os obxectivos de permanecer en Liga Endesa son a longo prazo, para maio. Agora o importante é este encontro. Somos ambiciosos e sabemos que podemos mellorar cousas do xogo, e eu creo que o imos facer”, avaliou. Ademais, “os xogadores novos van coñecendo cada vez máis contra quen xogan, o que hai que facer para competir, etc. O que era novo agora non o é tanto. Xa non estamos en cero”.
Dos de Pedro Martínez, o de Pontepedriña asegurou que “teñen novos matices, pero o estilo de Pedro é o que é: unha defensa solidaria, moi agresiva, onde o un contra un é moi importante. Un equipo dende o punto de vista ofensivo onde o xogo por conceptos tamén é moi importante: o home que ten o balón intenta xerar para o que non o ten, etc. Son un fiel reflexo do seu estilo”.
Tamén conta co sexto xogador do equipo manresano, a afección do Nou Congost: “É a cancha na que se sustentou a historia do club, o público vive moi próximos as súas cores e o equipo sente moito a calor do seu público, o seu ánimo e o seu orgullo”, observou Fernández.
Falando do equipo, “incorporaron xente que non estaba cando viñeron a aquí: White, Rizvic, Sakic ou Fotu. Cambiaron os postos e a estrutura. Agora teñen aleiros máis perimetrales, incorporaron un base con moita experiencia, dous catros, principais armas ofensivas, como son Sakic, MVP na súa segunda xornada en Liga Endesa e Fotu, cun futuro esplendoroso,” diseccionou. “Como todos os equipos, intentará que os seus mellores xogadores tomen decisións. Nese xogo interior van estar Fotu, Sakic, Ogilvy,Grimau cos seus posteos, etc. Pero se nos esquecemos os tiros de Dewar, de Grigonis ou do traballo de pick and roll e os uns contra un de White, teremos un problema. O peso de La Bruixa D’Or Manresa está repartido en todas as posicións”, recoñeceu para concluír.











