Moncho Fernández: “Do Morabanc Andorra preocúpame o seu oficio”
O Rio Natura Monbus Obradoiro adestra xa pensando no partido deste sábado ante o Morabanc Andorra (20.00 horas – non televisado). O técnico Moncho Fernández apuntou deste rival que “é un equipo que chega dicindo a berros que quere quedar e permanecer nesta liga”.
O equipo andorrano, dixo o técnico, “é veterana, manexa todo saber facer que só teñen os que teñen experiencia e ten moito oficio. Tiveron problemas coas lesións, pero a súa posta en escena non é a dun debutante clásico, sendo capaces de incorporar xogadores como Sada ou Ivanov, agora a Jawai… O non habitual nun equipo que sobe. Tamén soubo manter os seus mellores homes en LEB Ouro, como Schreiner ou Navarro”, apuntou.
“Son moi traballadores. Ivanov é recoñecido por ser o MVP da liga hai uns anos, Sada coa súa traxectoria, pero tamén Bogris facendo unha gran tempada ou Green saíndo dende o banco”, analizou. “Eles manexan moitos rexistros defensivos: dous contra un, a zona 2-3…E despois o seu ritmo de xogo. Sempre van dar o pase extra, alongan as posesións, son listos e saben onde está o compañeiro. Un equipo moi difícil de xogar”.
Respecto ás súas capacidades colectivas, Fernández afirma que “teñen polivalencia e capacidade para mesturar estruturas de xogo e facer dano. Por exemplo, xogando con dous catros, con dous cincos ou cos dous bases xuntos. Teñen todas as posibilidades e así pasaron por enriba a equipazos como o CAI Zaragoza”.
O adestrador asegura que debemos intentar estar á mesma altura, ter a mesma disposición ao traballo que en Málaga, por exemplo, e un bo día en acerto para sacar o partido adiante. Todos os partidos son igual de difíciles e cústannos moito traballo. Temos que esixirnos o máximo sempre, facer ben todo o que non depende do talento: defender, rebotear e respectar o rival”.
Por último, recordou o importante que é o apoio dos afeccionados: “Dixen no partido contra a Barcelona que o público fora básico. Moita xente achegouse por primeira vez, pasouno ben e comprobou que hai un equipo aquí que se chama Rio Natura Monbus Obradoiro. Ogallá sirva para que repitan ou se abonen. Para nós é moi importante, está claro que nos axuda e que queremos que Sar estea a rebentar porque é a razón de ser deste proxecto”, concluíu.











