Miguel de Molina al desnudo chega ao Teatro Colón
Miguel de Molina al desnudo chega ao Teatro Colón o vindeiro sábado 17 ás 20:30 horas. As entradas case esgotadas dan conta do éxito desta produción, a primeira de Jorge Javier Vázquez que nos achega a figura deste imprescindible da copla. A programación para esta semana complétase co concerto de celebración do XX Aniversario do Bristol Bar o venres 16 ás 22:00 horas.
Ángel Ruíz é o protagonista e autor desta historia sobre Miguel de Molina, para o que tomou como base a autobiografía do cantante, Botín de Guerra. Estará acompañado sobre o escenario polo pianista César Belda e baixo a dirección de Juan Carlos Rubio nunha proposta que definen como ‘biografía musical’. A través de temas como Ojos Verdes, La bien pagá o Me da miedo la luna, entre outros, este espectáculo percorre non só as cancións, senón tamén a vida dun artista que transformou a copla, transgredindo este xénero. En Miguel de Molina al desnudo o mito enfróntase ao seu pasado pero dende o noso presente, trazando unha ponte entre o seu mundo e o noso entorno máis próximo a través dunha conmovedora proposta que nos achega tamén unha parte da historia de España.
Unha cita cos rockeiros da cidade
As portas do Teatro Colón ábrense o venres 16 de xaneiro ás 22:00 horas para celebrar o XX aniversario do Bristol Bar, un local mítico e punto de reunión obrigado para os músicos da cidade.
Baixo a dirección de Yoni Medigrami, o curmá emigrante londiniense do archifamoso Yoni Mediogramo, sucederanse os momentos de complicidade, os ritmos irrefrenables e os tiróns de orellas para festexar este aniversario. O ritmo poñerao a Brilstol Band, formada por Néstor Pardo, Adrián Seijas, Miquelini e Diego Veiga. Un cuarteto de luxo con selo 100 % coruñés, 100 % Bristol, que poñerán toda a carne no asador para converter o concerto nunha auténtica jam session de luxo.
Mentres a Bristol Band se afana en darlle forma a unha partitura que contempla clásicos do pop e do rock de todos os tempos recibirán a visita das mellores voces da música local: Álvaro Dorda, Fernando Esclusa, Carla Figueredo, Graham Summer, Félix Arias ou Carlos Childe serán algúns dos artistas convidados esa noite. Unha lista que se completa con máis dunha sorpresa. Diego Veiga amosábase emocionado ‘porque subirse a un escenario como este, y acompañado de todos estos músicos, es una experiencia brutal. Somos músicos muy diferentes, con estilos muy diversos y edades muy amplias, y hemos creado algo que de verdad creo que va a sorprender, con un repertorio que no va a dejar a nadie indiferente’.
As entradas poden adquirirse a través da páxina web do teatro www.teatrocolon.es, en www.servinova.com. No quiosco da Praza de Ourense, en horario de luns a venres de 9.30 a 13.00 e de 16.30 a 19.30 e tamén na sede do Centro Sociocultural A Fundación, no Cantón Grande 21/23, de luns a sábado, 9.00 a 21.00 horas. Ademais, no despacho de billetes do propio teatro o mesmo día do espectáculo de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a peche.











