Mi Moneda lidera o Trofeo Vitaldent J80 do Monte Real Club de Iates de Baiona

Mi Moneda durante a competición
Mi Moneda de Guillermo Caamaño lidera o Trofeo Vitaldent J80 do Monte Real Club de Iates despois de impoñerse na primeira xornada de probas celebrada esta tarde na baía de Baiona. O barco, no que navegaba o regatista de Copa América Laureano Wizner, alzouse coa vitoria despois de conseguir un primeiro posto e dous segundos nas tres mangas disputadas hoxe.
Con chuvia, mar de fondo, bastante onda e un vento de 17 nós, as tripulacións saíron á auga dispostas a dalo todo pola vitoria. Xunto ao Mi Moneda de Guillermo Caamaño, foron protagonistas da xornada o Luna Nueva de Juan Luis Tuero e o Virazón de Miguel Lago, que conseguiron coarse no podio provisional do trofeo, en segunda e terceira posición respectivamente. O Namasté de Luis de Mira e o Nortada, patroneado por Javier Rey, completan a clasificación.
O Trofeo Vitaldent J80 do Monte Real Club de Iates continúa o próximo 31 de xaneiro coa segunda das sete xornadas previstas, que se disputarán ata o próximo mes de marzo.











