Mercedes Peón, Uxía e Antón Reixa protagonizarán o 10º aniversario do festival solidario ‘Implícate!’

Presentación de Implícate!
O festival solidario ‘Implícate! Noite de música e palabra solidaria’, que organiza cada ano a ONGD Implicadas non Desenvolvemento, celebrarase este domingo, 11 de xaneiro, no Teatro Principal de Santiago (20,30 horas), nunha gala que contará, entre outros, coas actuacións musicais de Mercedes Peón, Uxía e Abe Rábade, así como coa intervención poética de Antón Reixa.
A presidenta de Implicadas non Desenvolvemento, Lucía López Bayo, presentou este mércores en rolda de prensa en Santiago esta nova edición que considera “especial”, xa que a gala chega aos seus 10 anos de vida convertida xa “nun referente” pola súa “mestura de cultura e solidariedade”, a cal estará conducida pola poetisa Yolanda Castaño e a actriz Isabel Blanco.
Deste modo, a gala do domingo tamén contará coa palabra dos escritores Fran Alonso e Marilar Aleixandre, así como co espectáculo poético que realizan de forma conxunta María Lado e Lucía Aldao. Ademais, actuará Nova Galega de Danza, mentres que a produción escénica correrá a cargo da actriz Isabel Risco, así como do actor e director Celso Parada (Teatro do Morcego), que actuará con Mundo Villalustre.
Por este festival pasaron nos últimos nove anos máis de 100 artistas galegos de forma desinteresada, e recadouse en total 30.000 euros para causas solidarias.
As entradas valen 10 euros e pódense comprar de forma ‘online’ en Abanca ou no portelo do teatro Principal o propio día do festival dende dúas horas antes, aínda que noutros anos os billetes se esgotaron antes, e nesta edición o ritmo de venda vai “moi ben”. Ademais, existe unha fila cero na que poder facer doazóns de cinco euros.
CREAR “CONCIENCIA CRÍTICA”
Segundo explica López Bayo con esta proposta búscase que os asistentes “reflexionen” sobre os problemas existentes no Norte e o Sur, ao tempo que se aposta por que creza a conciencia solidaria a través dunha postura activa.
Unha idea coa que coincidiu Yolanda Castaño, quen puxo en valor “a conciencia crítica” que se crea con estes espectáculos, así como Isabel Blanco quen incidiu na importancia de que “se sensibiliza á xente da pé”, á vez que se mostrou agradecida de que conten con ela para achegar o seu “gran de area”.
Así, Yolanda Castaño destacou a pervivencia desta iniciativa solidaria “no contexto hostil” actual e tras “consolidarse” no tempo. Ao respecto, sinalou que este décimo aniversario serve para facer balance, “botar a vista” atrás” e tamén facer un recoñecemento a todos os artistas que pasaron por esta cita.
De feito, editouse o CD ‘REACTIV_ARTE’, con actuacións de Mercedes Peón, Xabier Díaz, Uxía, Iria Piñeiro, Leilía, Carmen Rey, Xoan Curiel, entre outros artistas que acudiron aos ‘Implícate!’.
Ao respecto, Mercedes Peón, tamén presente nesta rolda de prensa, subliñou o carácter “necesario, fermoso e cheo de creatividade” desta iniciativa, pois considera case “unha marcianada” que unha ONG como esta poida conseguir todos estes resultados.
Sobre a súa actuación do domingo, Mercedes Peón avanzou que será unha interpretación “moi potente” e “enerxética”, cun poema de María Reimóndez como base, e unha “novidosa posta en escena”. “Non vai ser a única sorpresa da noite”, apuntou Yolanda Castaño.
PROXECTOS EN INDIA
O diñeiro recadado nesta edición destinarase, principalmente, a dous proxectos. Por un lado, o programa contra o infanticidio en Salem (India), onde se dan casos de “violencia extrema contra as mulleres”, segundo explicou Lucía López Bayo, recén nacidos son asasinados polo mero feito de nacer nenas.
A segunda iniciativa busca “o empoderamiento” político, social e económico de mulleres que sofren discriminación no estado de Tamil Nadu (India), nun proxecto que vai dende ensinar a resolver problemas diarios ata conseguir financiamento para montar pequenos negocios.
Na actualidade a ONGD Implicadas non Desenvolvemento conta cuns 200 socios e unhas 40 persoas voluntarias en Galicia, con A Coruña, Lugo e A Estrada como principais lugares e o apoio estable de varias persoas en Vigo e Santiago.











