“Merca o teu” pecha as portas incrementando a facturación ata os 26.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, clausurará esta tarde na praza de San Marcos o III Mercado de Nadal “Merca o teu”, a feira de artesanía e produtos agroalimentarios organizada polo organismo provincial, a través do Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD), que pecha as súas portas cunha facturación de preto de 26.000 euros, o que supón un aumento dun 4%  con respecto ao 2013.

Polín destacou que “unha vez máis o Mercado de Nadal cumpriu cos obxectivos cos que, tanto a Deputación, como o CENTRAD concebiron o certame: pór en valor a artesanía e os produtos autóctonos lugueses e contribuír a aumentar as vendas das PEMES e autónomos destes sectores da provincia aproveitando a época de Nadal”.

O III Mercado de Nadal finaliza cun sorteo ás 20:00 horas entre os centos de persoas que compraron algún artigo no feiral e no que entraron máis de 8.500 rifas, dunha gran cesta composta por artigos de www.losproductosdelugo.com, a plataforma de comercio electrónico da Deputación. Esta cesta de Reis súmase ás cestas diarias que se sortearon entre os compradores durante os 15 días do “Merca o teu”.

Para a celebración deste certame, de participación gratuíta para os profesionais, instaláronse 12 casetas de madeira nas que os produtores e artesáns da provincia puxeron á venda os seus artigos. Así, os lugueses e visitantes tiveron a oportunidade de adquirir pan, empanadas, queixos, embutidos, noces e derivados ou respostería; así como todo tipo de complementos de moda e artigos para o fogar elaborados de xeito artesanal. A estas casetas sumáronselle outras dúas: unha de información e outra do CENTRAD, onde se expuxeron os traballos que se realizan nos seus obradoiros, e na que tiveron lugar demostracións en vivo de lucecús, canteiría, cerámica, cestaría, encaixe, xoiería e tala de madeira. 

5 de xaneiro de 2015 | 16:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.