publicidade hoxe

Medio Rural e do Mar ultima a adaptación do punto de venda de lamprea en Pontecesures

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontecesuresPontevedra
A-
A+

A Consellería do Medio Rural e do Mar está a ultimar a adaptación do punto de venda de lamprea en Pontecesures, co fin de facilitar a súa comercialización. Cómpre aclarar que xa está instalado o equipo co que se controlarán as vendas desta especie eurihalina e, arestora, estase xestionando a instalación da conexión a internet, xa que non puido facerse con anterioridade debido ás pasadas datas festivas. Dende a Consellería non se entende porque este sector toma a decisión unilateral de ameazar con vender como o viñan facendo tradicionalmente, cando eran coñecedores das xestións que estaba a facer a Xunta en relación con este asunto.

Cómpre aclarar que, mentres non se poida empregar o punto de venda autorizado, os valeiros poden emitir as facturas a través da lonxa de Carril. Neste sentido, calquera outro xeito de comercializar incumpre o legalmente establecido e, polo tanto, non vai ser admitido pola Consellería. Cabe lembrar que se trata dunha actividade económica desenvolvida sobre un dominio público con exclusividade o que obriga a un estrito cumprimento da normativa de aplicación.

Compromiso das partes

Nunha reunión mantida o ano pasado entre membros da Consellería, do Concello e da Asociación de Valeiros acordouse que a Xunta poñería o equipo de control, o Concello cedería e adecentaría un local para ubicar o centro de venda e faríase cargo dos gastos de conexión a internet. A instalación da conexión a internet, aínda que nun principio era un compromiso do Concello, trala aparición dunha serie de problemas técnicos, finalmente vai ser asumida pola Xunta de mutuo acordo co Concello.

15 de xaneiro de 2015 | 18:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.