publicidade hoxe

Medio cento de estudantes visitan a empresa Horticina dentro do Programa Atrévete

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCerdido
A-
A+

A Asociación de Empresarios Ferrolterra continúa coas actividades programadas dentro do programa Atrévete que desenvolve na Bisbarra en colaboración coa Consellería de Educación, e que ten como obxectivo fomentar a cultura emprendedora entre o alumnado de ESO e primaria, necesaria para mellorar a competitividade das empresas e a empregabilidade do alumnado.

Nesta ocasión, a actividade consistiu na visita de 50 alumnos de 2º de ESO do IES Fernando Esquío de Neda, acompañados do profesorado, á empresa Horticina, S.A. da Barqueira (Cerdido), e que pertence a esta Asociación.

O programa iniciouse cunha charla do vicepresidente da AEF, Carlos Moreira, na que explicou brevemente aos alumnos que é unha asociación de empresarios e cales son as súas funcións e a traxectoria da AEF.

A continuación o xerente de Horticina, Miguel Ángel Mato Agrofojo, relatou a súa experiencia como empresario, que lle levou a crear a súa propia empresa, en concreto como naceu este proxecto e o que leva consigo a nivel profesional e persoal “ser empresario”. Animou os alumnos que tiveran unha idea viable a poñela en práctica.

Destacar que a charla tivo lugar nas instalacións da Escola da Avispeira, pertencentes ao Concello de Cerdido, e dende as cales se desprazaron ata Horticina para visitar as instalacións. Xa na empresa, persoal técnico acompañou o alumnado na visita polas instalacións onde puideron ver as grandes plantacións de arandos que ten a empresa, e coñecer as características técnicas para de todo o proceso, dende a plantación ata a recolección, os coidados que necesitan para o seu crecemento, etc.

A Asociación de Empresarios agradece á empresa a súa colaboración neste programa e especialmente a boa acollida e dedicación dispensada ao grupo de alumnos.

26 de xaneiro de 2015 | 17:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.