Medio Ambiente licita por 700.000 euros as obras do aparcadoiro disuasorio de Lonzas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o anuncio polo que se licitan as obras do aparcadoiro disuasorio de Lonzas, no Concello da Coruña, por un importe de por algo máis de 700.000 euros. As empresas interesadas en participar neste contrato de obra pública dispoñen de 26 días hábiles despois da publicación no DOG para presentar as súas ofertas a este proxecto, que será unha realidade neste mesmo ano.

Trátase dunha infraestrutura que disporá de máis de 170 prazas de aparcamento e que conta cunha excelente conexión coa rede viaria de accesos á cidade herculina, feito que incidirá moi positivamente na mellora da mobilidade dos seus cidadáns. Este novo aparcadoiro tamén favorecerá a accesibilidade das persoas que se acheguen ata A Coruña, incidirá no uso do transporte público e facilitará o intercambio entre medios de transporte.

O aparcadoiro executarase nunha parcela proposta polo Concello da Coruña, expropiada polo Ministerio de Fomento para a execución das obras da autovía de acceso á Coruña (AC-14), no tramo Lonzas-A Zapateira. O espazo atópase no contorno da glorieta de conexión da AC-14 coa Ronda de San Cristovo, no núcleo de San Cristovo das Viñas. Esta localización permítelle unha boa conexión coa rede viaria de accesos á cidade da Coruña a través da autovía AC-14 no nó de Lonzas e da avenida Salgado Torres.

No relativo á súa urbanización, prevese a colocación de zonas verdes nos espazos libres do aparcadoiro para mellorar a estética e a drenaxe profunda, utilízase na zona de aparcadoiro pavimento de adoquín de formigón con ocos que permiten o crecemento de céspede, e tamén se iluminará a parcela con sistemas de iluminación led de baixo consumo. A actuación compleméntase coa reposición dun camiño peonil existente na actualidade, que serve para o acceso dos veciños de San Cristovo das Viñas á zona da igrexa.

A Xunta destaca que este tipo de actuacións fomentan a mobilidade urbana e interurbana sustentable, mellora as condicións de mobilidade e accesibilidade das persoas ao promover infraestruturas que faciliten o intercambio entre modos de transporte e potencien a utilización de medios de transporte públicos e os desprazamentos menos contaminantes.

5 de xaneiro de 2015 | 12:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.