publicidade hoxe

Medio Ambiente inicia as obras da depuradora e dos colectores de Baroña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPorto do Son
A-
A+
Ethel Vázquez na reunión co alcalde de Porto do Son. Foto: C. Paz

Ethel Vázquez na reunión co alcalde de Porto do Son. Foto: C. Paz

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, confirmoulle ao alcalde de Porto do Son, José Luís Oujo Pouso, que hoxe se iniciaron as obras dos colectores xerais e a estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Baroña, no concello de Porto do Son, nas que a Xunta inviste un importe máxima dun millón de euros.

Este proxecto, que executado por Augas de Galicia e que foi adxudicado á empresa Acciona Infraestructuras, S.A, define e valora as actuacións necesarias para a eliminación de verteduras sen tratar ao medio, en núcleos da parroquia de Baroña, en Porto do Son, mediante a construción dunha rede de colectores, un novo bombeo e impulsión que conducirán as augas para a nova depuradora de Abuín.

A rede de saneamento da parroquia de Baroña, pode definirse en tres sistemas independentes: Arnela- Vilar, Abuín- Igrexa- Campanario e Penas- Tarrío- Orellán; e presenta roturas en diversos puntos polo que se detectaron filtracións de augas residuais e as verteduras chegan ao medio receptor sen tratar, motivo fundamental polo que se impulsan estas actuacións que solucionarán o citado problema.

A conselleira agradeceu ao alcalde as xestións realizadas polo Concello de Porto do Son, que cumpriu coa obriga, poñendo á disposición os terreos necesarios para a execución das obras.

Augas de Galicia proxecta a execución dunha rede separativa de tres colectores por gravidade:

• Colector Abuín 1: recolle un colector de saneamento existente do núcleo de Abuín que actualmente está fóra de servizo e a impulsión de Arnela. Incorpora tamén o ramal de Abuín, que recolle a maior parte do saneamento do dito núcleo. Executaranse 480 metros de tubaxe de PVC de diámetro de 315 mm.

• Colector Abuín 2: abrangue as vivendas dispersas que se sitúan entre os núcleos de Abuín e Campanario. Terá unha lonxitude de 896 metros en tubaxe de diámetro de 250 mm. No seu extremo, augas abaixo, incorpórase ao colector Abuín 1, unificándose así a entrada á EDAR.

• Ramal de Abuín: proxéctase a reposición do colector existente que recolle o saneamento de Abuín e discorre por predios. Terá unha lonxitude de 193 metros en tubaxe de PVC de diámetro de 315 mm.

Executarase tamén unha nova estación de bombeo en Arnela, radicada na zona da praia do mesmo nome, que impulsará as augas residuais dos núcleos de Arnela e Vilar. O bombeo de 2 bombas de 4,3 Kw cada unha terá capacidade para elevar un caudal de 2,7 l/s. O pozo de bombeo será unha estación compacta en polietileno de 2,29 metros de profundidade. Entre estas actuacións tamén se realizará a execución dun tramo de impulsión que permita bombear as augas residuais dos núcleos de Arnela e Vilar ata o pozo 14 do colector Abuín-1 onde romperá en carga.

Estación depuradora

Este proxecto hidráulico tamén prevé unha estación depuradora cunha capacidade de tratamento de máis de 500 habitantes que se situará ao oeste do núcleo de Abuín, ao outro lado da estrada Cee- Ribeira (AC-550). A liña de auga da EDAR consta dos seguintes elementos:

• Pretratamento: está deseñado para un caudal máximo de 72 m3/h en previsión das augas pluviais que a curto-medio prazo poden chegar á estación a través do ramal de Abuín. Conta cunha canle dobre na cal se colocan unha reixa manual con cesta para recollida de residuos e un tamiz para o desbastamento de finos.

• Bombeo de cabeceira: proxéctase un bombeo de 2 bombas de 1,5 kw cada unha con capacidade de regular o caudal de entrada ao decantador primario, contando para iso cun variador de frecuencia. O pozo de bombeo deseñouse de xeito amplo para que funcione como tanque de retención fronte ás augas pluviais que poidan chegar á EDAR a través de redes antigas.

• Decantador primario: terá un volume de 70 m3 e unha capacidade de almacenamento de lodos de polo menos 60 días.

• Decantador secundario: terá un volume de 15,2 m3 e o tanque incorpora un sistema de bombeo de retorno de lodos á etapa primaria.

Saneamento da ría

Esta actuación de saneamento súmase a outras nas que a Consellería de Medio Ambiente tamén está a traballar nesta zona, como son as depuradoras de Quiruga e Xuño, para o saneamento das augas que verten á zona máis exterior da costa de Porto do Son. Segundo informou a conselleira durante a reunión, actualmente estase a traballar na redacción dos proxectos das depuradoras destas depuradoras, cun investimento previsto de 2,3 millóns de euros, e cuxa posta en servizo redundará nunha mellora no estado ecolóxico das augas desta ría.

26 de xaneiro de 2015 | 18:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.