Manuel Escourido analiza con Francisco Conde o futuro industrial das Pontes e o apoio aos emprendedores
O candidato do Partido Popular á Alcaldía das Pontes, Manuel Escourido, mantivo o pasado día 07 de xaneiro, unha xornada de traballo co Conselleiro de Industria, Francisco Conde. Durante esta, Escourido analizou a situación da industria e do tecido empresarial e comercial das Pontes, que cualificou de crítica, como resultado da crise e a inexistencia de políticas activas por parte do Concello. A desaparición de empresas, a inexistencia de chan industrial e a falta de iniciativa municipal desembocan nun nivel de desemprego e de expulsión de poboación sen precedentes, afectando á totalidade das familias pontesas.
Escourido, formulou ao Conselleiro iniciativas encamiñadas á recuperación das Pontes como municipio industrial de referencia, iniciativas de promoción dun liderado económico do século XXI baseado no talento e nas persoas e reclamou o apoio da administración autonómica para os emprendedores que están a apostar polas Pontes e que se encontran desprotexidos pola administración local. Neste sentido trataron as vantaxes que supón a Lei de Emprendemento aprobada pola Xunta de Galicia, que suprimiu con carácter xeral a licenza municipal de apertura de novos negocios axilizando a posta en marcha de proxectos.
O candidato pontés manifestou que “o Conselleiro e a Xunta de Galicia se comprometeron en participar das propostas que lles formulei para recuperar As Pontes, posto que, ao igual que os populares ponteses, sosteñen que o desenvolvemento e o crecemento económico necesarios para crear riqueza e calidade de vida, teñen a súa orixe nunha industria forte e moderna, na liña da recén presentada Axenda da Competitividade Industrial, Galicia: Industria 4.0”.
Escourido sinalou que os retos que esta época formula (tecnoloxía, I+D+i, globalización, escaseza de recursos, sostibilidade…) necesitan dun aliñamento entre Concello, Deputación, Xunta e Goberno central. “Case temos todas as pezas do crebacabezas, pero a peza máis próxima ao problema, non deixa de ser o maior problema”, declarou. “Só dende unha fronte común de todas as administracións, pero liderada dende o goberno local, resólvese o futuro: Endesa, polígonos industriais, lago, entulleira, emprego… Somos a opción máis forte para posicionar As Pontes como un eixe de atracción de talento e investimento, en vez de deixar que siga sendo un lugar que bota a centos de mozos moi formados (por non o chamar condena á emigración) “.
Ao final da intensa xornada, o Conselleiro manifestou a súa satisfacción polo traballo realizado e comprometeuse a continuar impulsando o fortalecemento da competitividade industrial do municipio pontés.