Manuel Baltar desexa a Pachi Vázquez o mellor dos futuros políticos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+
Europa Press

O presidente do PP en Ourense, José Manuel Baltar, desexou ao parlamentario e exlíder do PSdeG, Pachi Vázquez, “o mellor dos futuros políticos, como a calquera”, despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) decidise procesalo por un suposto delito de prevaricación continuada. Pola súa banda, o candidato do PSOE ao Concello de Ourense, José Ángel Vázquez Barquero, “confía e desexa” que saia ben do proceso.

Tras senllas roldas de prensa, sobre temas das súas competencias, Baltar e Vázquez Barquero responderon a preguntas sobre a situación procesual do parlamentario Pachi Vázquez e sobre unha posible dimisión. Dáse a circunstancia de que ambos os dous se reuniron minutos despois para xuntar estratexias na elaboración de proxectos que optarán a fondos europeos.

Ao día seguinte de coñecerse un auto de procesamento de Pachi Vázquez por prevaricación, e de que terá que declarar o día 3 de febreiro, Baltar lle desexou “o mellor dos futuros políticos” e, como noutras ocasións, asegurou “crer na presunción de inocencia, respecto aos órganos xudiciais e ás súas investigacións”.

Pachi Vázquez avanzou que presentará “novas probas” de expedientes “que foron solicitados ao Concello do Carballiño hai tres meses e obtidos nos últimos días”. Sobre a falta de documentos, segundo Baltar, Pachi Vázquez “terá que explicalo”, e dixo non se meter “nunca” en cuestións dese tipo “porque a única estratexia é dicir a verdade ante os xulgados”.

NON DOMINA O CÓDIGO ÉTICO

Pola súa parte, o edil de Ourense e candidato ao Concello da cidade, José Ángel Vázquez Barquero, afirmou “descoñecer cál é exactamente” a situación de Pachi Vázquez, e segundo o que leu na prensa fálase de procesamento, pero tamén de novas declaracións”.

“Confío, desexo e espero que Pachi Vázquez saia ben deste proceso e que, efectivamente, a súa inocencia siga presente”, incidiu, ademais de ofrecerlle a “axuda que considere oportuna”.

Tamén respondeu a unha pregunta sobre a situación xerada agora, en comparación co momento no que o alcalde de Ourense en 2011, Francisco Rodríguez, tivo que dimitir cando Pachi Vázquez era aínda secretario xeral do PSdeG. “Non domino o código ético nin me corresponde interpretalo, pero hai órganos no partido que teñen que dicir se ten que dimitir e cando, e niso eu non teño nada que dicir”, remarcou.

Ademais, rexeitou facer “política ficción” sobre que pasaría se neste momento, o agora procesado fose o candidato socialista á alcaldía de Ourense -Pachi Vázquez concorreu ás primarias, que perdeu- e engadiu que a situación “sería diferente”.

“O que interesa é que esas situacións están reguladas e existe un código ético aceptado por todos que fala de casuística”, detallou. Tampouco quixo establecer comparacións “e moito menos en transos como este que non son agradables”.

27 de xaneiro de 2015 | 16:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.