Máis que Comercio! en Lugo elixe ao supermercado Gadis da rúa Quiroga Ballesteros como o establecemento favorito

Entrega de diploma aos responsables do establecemento
Os participantes na iniciativa Centros Comerciais Abertos. Máis que comercio!, que se desenvolveu durante todo o mes de marzo nos establecementos asociados ao CCA Lugo Centro elixiron como o seu comercio favorito ao supermercado Gadis ubicado na Rúa Quiroga Ballesteros da capital lucense. Esta campaña, posta en marcha pola Consellería de Economía e Industria, levouse a cabo durante todo o pasado mes en cinco localidades diferentes da xeografía galega.
A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, foi a encargada de entregar o diploma a Gonzalo Corredoira, delegado provincial de Gadisa, empresa matriz deste establecemento, que foi o que máis clicks recibiu en www.maisquecomercio.com, web na que os clientes podían participar nun xogo en liña por cada 5 euros de compra e optar a diferentes premios ao tempo que elixían ao seu comercio preferido.
A participación nesta iniciativa neste centro comercial aberto de Lugo foi moi elevada, chegando a rexistrase un total de case 6.600 participacións. No caso de Lugo, houbo tamén premios en metálico para mercar no pequeno comercio.
Arias salientou que, ademais de poñer en valor o traballo dos centros comerciais abertos, Máis que comercio!, que percorreu Galicia durante os últimos meses, desenvolvéndose cada mes en cinco centros comerciais abertos, “resalta os valores do comercio de proximidade, como son a calidade, o trato ao cliente ou a variedade”.
No mes de decembro participaron, xunto con Lugo, os centros comerciais abertos de Noia, Tui, Vilagarcía e Monforte. Precisamente coa celebración en Lugo e Monforte completáronse na provincia lucense seis convocatorias deste programa durante o exercicio 2014, posto que en meses anteriores levouse a cabo tamén en Ribadeo, Viveiro, Sarria e Chantada.
A representante do Executivo galego en Lugo indicou que esta campaña “impulsa o asociacionismo, apoiando o traballo que desenvolven os centros comerciais abertos, unha fórmula que permite o desenvolvemento de estratexias comerciais e a prestación de servizos de forma conxunta no pequeno comercio para mellorar a súa competitividade”.











