Máis de 300 nadadores participarán no Máster Galego de Inverno na Piscina Carballo Calero

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoDeportes
A-
A+

Un total de 301 nadadores participan o domingo 1 de febreiro en Carballo no Campionato Galego de Natación Máster de Inverno que organizan a Federación Galega de Natación e a Agrupación Deportiva Fogar coa colaboración do Concello de Carballo, a Deputación da Coruña, a Secretaría Xeral para o Deporte e SD Axiña. Un total de 19 equipos galegos repartidos entre 187 homes e 114 mulleres nadan na piscina Carballo Calero a partir das 10.00 horas. A competición desenvolverase nunha única xornada que se estenderá ata a tarde con tan só un intermedio dunha hora de descanso. A AD Fogar de Carballo e Oleiros estará representada por un total de 39 nadadores (24 homes e 15 mulleres) que pelexarán polo campionato competindo cos representantes do Portamiñá lucense e o Travesas vigués que parten como favoritos ao título xa que participan con 45 e 44 nadadores respectivamente. Así o expresou o coordinador da AD Fogar da Xuventude de Carballo, Alberto Tomé, que lembrou que espera que o club revalide o campionato e repita o éxito doutras ocasións (tempadas 2001-02, 2004-05 e 2010-11).

Tamén quixo subliñar o elevado número de participantes deste ano, baténdose o record de asistencia, o que explica pola proximidade do Campionato de España, que terá lugar no mes de febreiro en Pontevedra. Así, os nadadores poderían aproveitar a cita galega de Carballo para ultimar a súa posta a punto. A Vicepresidenta de Federación Galega de Natación (Fegan), Ángeles Lorenzo, que acudiu a Carballo para presentar a cita, quixo agradecer a colaboración do Concello e da AD Fogar non só na organización desta cita, senón doutros campionatos galegos, e quixo desexarlle sorte a todos os nadadores que en breve participarán en Pontevedra no Campionato de España, no que hai esperanzas de que varios galegos suban ao caixón. O Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, quixo tamén expresarlle a súa gratitude á AD Fogar por traer a Carballo outro campionato galego; e o Alcalde, Evencio Ferrero, subliñou a vontade do Concello de “favorecer a actividade deportiva dos clubs carballeses” e considera que o máster do domingo “é unha moi boa oportunidade para promocionar a vila”, xa que “o deporte tamén é economía”. Por último, espera que o domingo gañen os nadadores do Fogar e que a cita sexa “un novo éxito para a natación e para o deporte carballés”.

30 de xaneiro de 2015 | 19:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.