Máis de 3.000 persoas participan na programación das Escolas Deportivas da Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O concelleiro de Deportes, Francisco Mourelo, presentou esta mañá a nova tempada das Escolas Deportivas Municipais que este ano, baixo o lema “Entre todos imos a máis”, incorpora importantes novidades respecto ao modelo anterior, implantado en 1984.

“Trátase dunha modernización profunda que se logrou grazas a varios factores clave: potenciar a fidelización dos alumnos; manter as tarifas de matrícula; estudar o mercado para atraer nova poboación implantando novas actividades; mellorar os mecanismos de avaliación e control; optimizar o rendemento económico e ampliar a oferta en horarios, idades e instalacións”, explicou Mourelo, quen indicou que a nova estratexia se rexe tendo en conta distintas referencias legais como o Libro Branco sobre o Deporte da Comisión Europea; o Plan de Traballo para o Deporte do Consello de Europa para 2011 -2014; Lei 3/2012, do 2 de abril, do Deporte en Galicia; e Recomendacións mundiais sobre actividade física para a saúde da OMS de 2010.

“O cambio de filosofía é obvio e tradúcese nun aumento de prazas ocupadas ata alcanzar, neste curso 2014/15, os 3.217 alumnos; o que significa que se optimizan ao máximo os recursos, xa que se ocupan o 91,3% das prazas,” explicou Mourelo, quen indicou que estes datos ofrecen un crecemento dun 18% respecto ao curso 2010/11.

Neste sentido, as actividades físico – deportivas das Escolas Deportivas Municipais, clasifícanse agora en función do público ao que van dirixidas. Así, divídense en Escola de iniciación deportiva, Escolas de actividade física para adultos e a actividade física como atención á minusvalidez e inclusión social.

1. Escolas de iniciación deportiva:

a. EducaDeporte, dirixido a alumnos de 3 a 7 anos. Os obxectivos perseguidos atinxen ao desenvolvemento das bases psicomotrices para a educación física dos nenos e nenas, así como as destrezas do seu movemento. De 3 a 5 anos serán actividades de periodicidade trimestral; mentres que para 6 e 7 anos serán dúas sesións semanais.

b. MiniDeporte, dirixido a alumnos de 8 e 9 anos. Nesta etapa preténdese a aprendizaxe e desenvolvemento de habilidades xenéricas nos alumnos.

c. Deporte, dirixido a alumnos de 10 anos en diante. Nesta etapa preténdese o inicio e afianzamento na aprendizaxe de habilidades específicas dun determinado deporte. Adaptarase o material e regulamento dependendo da idade, establecendo dous grupos, 10 e 11 anos, e de 12 a 17 anos.

d. Programa de natación escolar, dirixido a alumnos de ata 9 anos para iniciar a natación. Inclúe o servizo de transporte, acompañantes, coidadores e profesorado. A actividade desenvolverase un día á semana en sesións de 45 minutos.

2. Escolas de actividade física para adultos.

a. Dirixida a alumnos de 18 a 65 anos. Os obxectivos fundamentais da oferta de actividade física para adultos nesta idade é crear os hábitos necesarios para cumprir coas recomendacións da OMS para esta franxa de idade.

b. Dirixida a maiores de 65 anos. O obxectivo é cumprir coas recomendacións da OMS para esta franxa de idade.

3. A actividade física como atención á minusvalidez e inclusión social.

“Agora temos un marco legal ao que referirnos e defínense obxectivos para cada grupo, á vez que se adoptan novas denominacións para facelas máis atractivas. Ademais, regúlase a atención á minusvalidez e inclusión social cunha convocatoria pública a entidades que desexen integrar as súas actividades físico – deportivas nas Escolas Deportivas Municipais, ás que se lles dota de espazo para desenvolver as súas actividades e mesmo se lles dota de profesorado”, explicou Mourelo.

O concelleiro de Deportes destacou que a nova formulación incorpora máis grupos para todos os niveis e idades atendendo, por primeira vez, a franxa de idade entre 3 e 5 anos, grazas á actividade Natación en Familia. Ademais, co obxectivo de chegar ao maior número de barrios, ofertáronse actividades en 11 instalacións deportivas repartidas por toda a cidade; e introducíronse ata 9 actividades novas como pilates, bailes de salón e bailes latinos, pádel ou natación para embarazadas.

Como novidade, implántanse actividades franquiciadas por trimestre en cada un dos grupos de idade. Así, ofertaranse como clases abertas e gratuítas para os alumnos matriculados nas Escolas e completarase con outras de portas abertas para toda a cidadanía en fin de semana. “O obxectivo destas masterclass é o de dar a coñecer outras actividades en plena expansión de xeito gratuíto. Neste sentido, neste mes de xaneiro, empezarase coa actividade de bokwa, unha actividade de coordinación e cardio que se desenvolverá os días 22, 28 e 30 deste mes na Cidade Deportiva de Riazor, a Cidade Deportiva da Torre e no polideportivo do Barrio das Flores,” destacou o concelleiro, quen explicou que se achegará á poboación outro tipo de disciplinas como a zumba.

20 de xaneiro de 2015 | 19:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.