Máis de 1.500 persoas participarán na XXXII Carreira Popular de San Xiao – UDC 25

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaFerrol
A-
A+
Presentación da carreira popular

Presentación da carreira popular

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, presentou esta mañá a XXXII Carreira Popular San Xiao – UDC 25 que nesta edición organiza de maneira conxunta o Concello de Ferrol e a Universidade da Coruña, como xeito de “conmemorar as vodas de prata desta institución académica e, ao mesmo tempo, como unha mostra máis de que a Universidade está moi presente na vida cotián da cidade colaborando en diferentes actos, neste caso neste evento deportivo de gran tradición”, dixo Rey Varela. O primeiro edil da cidade estivo acompañado da vicerreitora do Campus Universitario de Esteiro, Araceli Torres Miño; e da concelleira de Deportes, Susana Martínez Galdós. Esta proba sairá o vindeiro domingo, día 11, das inmediacións do pavillón municipal de Esteiro a partir das 11:00 horas, sendo o mesmo o punto de chegada.

Rey Varela destacou a importancia desta carreira popular “tan emblemática e que este ano coincide co 25 aniversario da Universidade da Coruña”. Neste senso, o rexedor municipal quixo agradecer a colaboración do organismo universitario na organización desta proba deportiva “nun ano moi especial para ela”. Así mesmo, o rexedor municipal sinalou que esta proba popular “supón a continuación dos festexos do día grande de Ferrol a través dun ámbito deportivo como é esta proba”, despois de que na xornada de onte se entregaran as distincións de Ferrolán do Ano e Insignias de Ouro do Concello durante una cerimonia institucional que tivo lugar no Teatro Jofre e na que, como é costume, reforzáronse os lazos de irmandade con Lugo.

As categorías establecidas, tanto masculinas como femininas, son: a absoluta – para aqueles que nacerán no ano 1999 e anteriores- e a escolar -dividida en benxamín, alevín, infantil e cadete-. Así mesmo, haberá unha categoría específica para persoas con mobilidade reducida e outra para persoas con discapacidade visual. Preto dun milleiro de corredores percorrerán dez quilómetros dos barrios de Esteiro, A Magdalena e Ferrol Vello, así como as instalacións militares da Ruta da Construción Naval”, destacou o alcalde ferrolán. Ademais, arredor de 500 menores realizarán os percorridos das categorías escolares que serán de entre 1.000 e 4.000 metros.

Plan de tráfico con motivo da carreira

Por outra banda e con motivo da Carreira Popular de San Xiao, será activado un plan específico de tráfico que garantirá a seguridade dos participantes na mesma e que pechará á circulación diferentes rúas dos barrios de Esteiro e A Magdalena. Esta restrición temporal será efectiva de 11 a 14 horas do domingo, día 11.

As vías afectadas polo percorrido da carreira na zona da Magdalena e polo tanto que sufrirán cortes ao tráfico son: praza de Galicia; rúa Irmandiños; rúa Costa de Mella; rúa Igrexa; praza Callao; rúas Rochel, Magdalena, San Diego, Real, Galiano, Dolores, María; e tranversais. Así mesmo, as rúas afectadas en Esteiro son: Vázquez Cabrera, San Ramón, Españoleto, avenida de Esteiro, avenida de Vigo, Circunvalación, Taxonera e Mac-Mahón. Ademais, segundo informou a Policía local, os vehículos estacionados nas vías afectadas polo paso da carreira terán que esperar a autorización do axente policial ou do voluntario de Protección Civil máis próximo para incorporarse á circulación.

8 de xaneiro de 2015 | 18:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.