Luz verde á contratación do proxecto para demoler a nave provisional do mercado da Magdalena

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O estudo Arqub 27 Estudio S.L.P. Redactará o proxecto básico e de execución de dúas intervencións que se enmarcan dentro do proxecto de cidade Abrir Ferrol ao Mar. Trátarase da demolición da nave provisional do Mercado da Magdalena e a mellora do espazo público resultante desta actuación, así como da rexeneración urbana do ámbito formado polo paseo do túnel – Costa de Mella – Peixería de Ucha. O Goberno Municipal de Ferrol tratou hoxe en Xunta de Goberno Local a adxudicación deste contrato por un importe total de 60.282,20 euros (engadido o IVE).

O edil titular da Área de Urbanismo, Infraestruturas e Contratación, Guillermo Evia Pérez, explicou que o obxecto desta actuación é eliminar a nave provisional da praza de abastos central, que se atopa sen usos; ao tempo que se recupera a parcela resultante como espazo público. Así mesmo, o obxectivo do executivo municipal é tamén acondiconar e mellorar os locais comerciais que se atopan pegados ao muro da Costa de Mella. Así as cousas, o ámbito de actuación abrangaría desde o remate da alameda do Carbón até a praza de Peixería de Rodolfo Ucha.

Así as cousas, esta intervención impulsada polo Executivo ferrolán complementa outro proxecto xa en marcha como é a recuperación dos Xardíns de San Francisco e a rehabilitación dos baixos da Costa de Mella como Centro de Interpretación da Cidade Histórica.

Escultura de José Canalejas e Mural no novo Centro Cívico de Canido

Noutra orden de cousas, e dentro do ámbito de Contratación, a Xunta de Goberno Local deu o visto e prace esta mañá a licitar o contrato para a elaboración en bronce e instalación dunha escultura conmemorativa de José Canalejas e Méndez; así como a execución dun mural artístico no novo Centro Cívico, para Persoas Maiores e Atención á Infancia de Canido.

No caso da escultura de Canalejas, o presuposto de licitación ascende a 48.400 euros (co 21% de IVE engadido). O obxectivo é poñer en valor a figura deste ilustre político que en 2012 cumpriuse o centenario da súa morte e que chegou a ser presidente do Consello de Ministros. O Plan de de normalización e homoxenezación do mobiliario urbano do barrio da Magdalena contempla como proposta a instalación en rúas e espazos singulares de esculturas que representen a personaxes ilustres da cidade: Jose Canalejas, Carlos III, Rodolfo Ucha Piñeiro ou Gonzalo Torrente Ballester, entre outros.

Por outra banda, o artista Eduardo Hermida Dopico, impulsor das Meninas de Canido, encargarase de realizar un mural artístico no novo Centro Cívico, para Persoas Maiores e Atención á Infancia que se está a construír nunha parcela do barrio situada na rúa Poeta Pérez Parallé. O tipo de licitación ascende a un total de 35.816 euros (co 21% de IVE incluído).

Servizo de Aqueoloxía

E, por último, a Xunta de Goberno Local deu luz verde as novas prescripcións técnicas, prego de claúsulas administrativas e licitación do novo contrato da asistencia técnica do servizo de arqueoloxía do Concello de Ferrol. As condicións que rixen a contratación deste servizo contemplan cambios referidos á composición técnica da equipa que se faga coa asistencia; e un reaxuste das anualidades do devandito contrato que ten un orzamento total de licitación de 129.286,08 euros e un prazo de vixencia de catro anos (período 2015-2018). Así as cousas a partida económica por exercicio reservada para este contrato que se convoca mediante procedemento aberto con pluralidade de criterios de valoración, ascende a un total de 32,321,52 euros.

26 de xaneiro de 2015 | 18:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.