Lume, brasa e grella serán protagonistas do Fórum Gastronómico Coruña 2015

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

Do 15 ao 17 de marzo A Coruña vivirá a segunda edición do Fórum Gastronómico na cidade e a quinta en Galicia. O recinto de ExpoCoruña será o escenario polo que pasarán gourmets e profesionais e aglutinará unha representación das mellores marcas do sector nun ampliado espazo feiral.

Lume, brasa e grella constitúen o gran eixo temático que articula un intenso e interesante programa de actividades protagonizado por cociñeiros e especialistas galegos e tamén de todo o arco atlántico. Algúns dos protagonistas serán Xosé Cannas (Pepe Vieira), Pepe Solla (Casa Solla), Luis Veira (Árbore da Veira), Iván Domínguez (Alborada), Javier Olleros (Culler de Pau), Dani Guzmán e Julio Sotomayor (Nova), Yayo Daporta (Yayo Daporta Restaurante) ou Diego López (La Molinera), entre outros. Tamén é salientable a presenza de Francis Paniego (El Portal de Echaurren), Marcos Morán (Casa Gerardo), Diego Guerrero (DSTAgE), Paco Morales (NOOR), Diego Fernández (Regueiro), Aitor Arregui (Elkano), Roberto Ruiz (Frontón de Tolosa) ou Abel Álvarez (Güeyu Mar). Ademais do chef do mar francés, Alexandre Coullion (La Marine), ou o gañador de TopChef2, David García, acompañado por Inés Abril.

O Fórum tamén ha contar coa presenza de chefs portugueses procedentes da rexión de Porto, algúns dos cales serán a primeira vez que actúen en España, como Dalila e Renato Cunha (Ferrugem) ou Pedro Lemos (Restaurante Pedro Lemos). O toque exótico porano dous relatorios centrados na cociña xaponesa, un por parte de Andrés Médici (Osushi) e outro a cargo do xaponés Shinya Fukumoto (Ca’Sento). Ademais, a carne ha ter o seu espazo no Fórum Gastronómico Coruña coa participación de dous recoñecidos especialistas. Participará no Fórum o carniceiro máis recoñecido de Francia, Yves-Marie Le Bourdonnec, especialista en carnes e no corte, así como tamén o chef barcelonés, Dani Lechuga (Caldeni).

Fórum Doce e Fórum Viño tampouco faltarán á cita. O mundo da cociña doce contará con dúas sesións, unha de Jordi Roca (El Celler de Can Roca) e outra de Lucía Freitas (A Tafona). Xoan Cannas, Cristina Alcalá, Luís Paadín, e Toño Pérez e José Polo (Atrio) serán os relatores que ofrecerán distintas catas de vino.

Os máis pequenos contarán con obradoiros didácticos, o domingo, a cargo de Emil Samper, participante de MasterChef2.

A entrada ao Fórum Gastronómico Coruña 2015 ten un prezo de 10 euros (a entrada dá acceso ao recinto feiral e máis as sesións do auditorio) e os obradoiros, de 15 euros. As inscricións para as actividades xa están abertas e poden realizarse a través de www.forumcoruna.com. 

29 de xaneiro de 2015 | 17:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.