Luís Novoa asume a presidencia do Cecotran ata finais de 2016
O presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), Luís Novoa Díaz, asumiu en xaneiro a presidencia da organización, tomando o relevo de António Marques, o seu homónimo na Associaçao Industrial do Minho (AIMinho).
A presidencia de Cecotran, integrada tamén pola Associaçao Empresarial de Viana do Castelo (AEVC) e a Confederación de Empresarios de Ourense (CEO), é rotativa e dura dous anos. Nas vicepresidencias permanecen Luís Ceia da AEVC e Jose Manuel Pérez Canal da CEO, ademais de Marques de AIMinho.
A secretaría xeral de Cecotran e a tesouraría estarán en mans de Medardo Arias e de Joao Valença, secretarios xerais da CEP e da AEVC, respectivamente.
Un dos obxectivos da organización empresarial transfronteiriza para os próximos dous anos é consolidar a súa presenza no ámbito da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e continuar desenvolvendo proxectos de cooperación transfronteiriza que favorezan o desenvolvemento económico e incrementen a competitividade das empresas lusas e galegas.
Precisamente, durante a última asemblea de 2014, celebrada en decembro na sede da CEP en Vigo, aprobouse a incorporación da Associação Empresarial de Portugal (AEP) como socio colaborador, paso que xa dera a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) a mediados de ano. Ambas as dúas incorporacións supoñen, dende o punto de vista dos socios fundadores, un claro respaldo ao peso institucional de Cecotran.











