Luis Álvarez asegura que o PP de Lugo carece de pudor e non deixa de poñer en evidencia as súas vergonzas
O Voceiro do Goberno local e Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Luis Álvarez, amosou hoxe a súa perplexidade pola desfachatez que amosa o Partido Popular que non ten reparo en poñerse en evidencia, de novo, no tema das construcións fóra de ordenación.
Luis Álvarez avaliou así ó feito de que o PP preguntara este mércores sobre un asunto despois de opinar sobre el días atrás. Precisamente, o Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente fixo públicos os datos sobre o estado de tramitación desas solicitudes que, como informou onte mesmo ós medios de comunicación, foron 264, e delas o Concello non puido resolver o 72%, 189, porque os seus propietarios non presentaron toda a documentación necesaria. As 75 solicitudes restantes, que sí aportaron a documentación obrigatoria, están resoltas.
O Partido Popular tardou catro días desque lle mentiu á prensa ó asegurar que o Concello bloquea a regularización destas construcións ata que se decidiu a pedir os datos das solicitudes de declaración de construcións en situación de fóra de ordenación. Concretamente, na pregunta para resposta escrita rexistrada onte, o Grupo municipal do Partido Popular interesase polo número de solicitudes de incursión en situación legal de fóra de ordenación total recibidas no Concello e tamén pregunta a cantas destas solicitudes se lles deu resposta.
“Os lucenses sabemos que no Partido Popular non teñen pudor en falar primeiro e preguntar despois pero, aínda así, resulta asombroso que teimen deste xeito en poñer en evidencia deste xeito tan palmario as súas vergonzas”, manifestou o Voceiro do Goberno local e Concelleiro de Urbanismo.
“Jaime Castiñeira e a súa xente sí que están fóra de ordenación”, ironizou Luis Álvarez, para quen “a única explicación posible da tardanza na petición de información sobre este asunto é que o PP mantén unha estratexia política tan pueril como malintencionada basada na teoría de que unha mentira repetida machaconamente se transforma automáticamente en verdade”.
O Voceiro do Goberno local lembrou que Castiñeira ten o “infantil costume de falsear a realidade como fixo, por exemplo, hai uns días cando asegurou que baixan os ingresos por venda de entradas dos Museos obviando o feito de que o acceso ós distintos Museos municipais é gratuíto”.











