Lucho recibe a alta médica e xogará no partido de Copa Xunta
O xogador do Santiago Futsal, Luis López García ‘Lucho’, encóntrase recuperado da rotura do ligamento cruzado anterior do seu xeonllo dereito que lle apartou das pistas a tempada pasada e recibiu a alta médica.
Tras dez meses de baixa, despois da operación e dun duro proceso de recuperación á marxe dos seus compañeiros, o de Lugo incorporouse hai unhas semanas ao traballo grupal e agora, de novo, volverá a unha convocatoria do equipo. Santi Valladares xa conta con el para o encontro de mañá de Copa Xunta en Lugo ante CP Casás de Lugo, onde podería dispoñer dalgúns minutos.
O propio xogador comentou que se sente “moi contento polo regreso á pista. Estou a desexar xogar partidos e coller confianza para que todo vaia ben. O que máis me importa é non recaer da lesión e volver gozar do fútbol sala que é o que me apaixona. “
Lucho destacou que se sente preparado aínda que ten que adaptarse para estar ao nivel dos seus compañeiros “Despois dunha recuperación tan lenta, síntome preparado para xogar, pero teño que poñerme ao nivel dos meus compañeiros, que xa xogaron toda a primeira volta. Agora quédanos a 2ª volta e para min volver xogar e a colaborar co equipo é moi importante. “
O doutor de club, Jesús Marque, sinalou que o xogador “se encontra na última fase do recuperación e en vista da evolución tan boa que tivo decidimos darlle a alta. Tras a incorporación ao traballo co grupo en pista, agora necesitará tempo e adestramentos para poñerse a punto. “











