publicidade hoxe

Lousame organiza 5 obradoiros gratuítos para que os cativos do municipio fagan os seus propios disfraces

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLousame
A-
A+

O Concello de Lousame organiza cinco obradoiros de Entroido para que os nenos e nenas do municipio que o desexan poidan facer os seus propios disfraces e participar nun pasarrúas por cada unha das parroquias que terá lugar o sábado 14 de febreiro. Cinco obradoiros de participación totalmente de balde, se ben é obrigatorio inscribirse previamente na Casa da Cultura de Lousame ou no teléfono 981 82 57 80.

Estes obradoiros, de dúas horas de duración, están dirixidos a nenos e nenas de entre 5 e 12 anos de idade. Será preciso un mínimo de 5 pequenos inscritos para que o obradoiro poida celebrarse. Para achegar a iniciativa a un maior número de pequenos, o Concello de Lousame optou por celebrar cinco quendas deste obradoiro de entroido, que este ano xirará en torno á temática de indios e vaqueiros.

Quendas nas parroquias

A primeira quenda terá lugar en Camboño, concretamente o sábado 24 de xaneiro, de 11:00 a 13:00 horas, no local social de Camboño. A cita para os pequenos e pequenas de Vilacoba, Lesende e San Xusto será o venres 30 de xaneiro, de 17:00 a 19:00 horas, no local social de Vilacoba. O día seguinte, sábado 31 de xaneiro, será o turno dos nenos e nenas de Fruíme, que terán este obradoiro de 11:00 a 13:00 horas no local social da Escabia.

Finalmente, o venres 6 de febreiro tocaralles a vez aos nenos e nenas da parroquia de Tállara, que poderán asistir ao Obradoiro de Entroido de 17:00 a 19:00 horas no local social de Tállara (PAI). E o sábado 7 de febreiro será a quenda da parroquia de Lousame, que teñen unha cita na Casa da Cultura de 11:00 a 13:00 horas.

Pasarrúas

Unha vez rematados os cinco obradoiros, o Concello de Lousame organizará na mañá do sábado 14 de febreiro un pasarrúas por cada unha das parroquias no que participarán todos os nenos e nenas cos disfraces elaborados nos obradoiros. Así mesmo, os pequenos farán tamén un desfile especial esa mesma tarde no pavillón municipal da Silva, dentro do Festival de Entroido do Concello de Lousame.

19 de xaneiro de 2015 | 19:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.