Lete Lasa visita o Kaiak Tudense tras cumprir 35 anos dedicándose ao piragüismo

Lete Lasa na visita ao Kaiak Tudense
José Ramón Lete Lasa, secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, visitou este mércores ao Kaiak Tudense, a entidade deportiva que recentemente cumpriu 35 anos dedicada ao piragüismo. Foi recibido por José Manuel García, presidente do club, e Esteban Alonso, o seu director deportivo. A José Ramón Lete Lasa acompañouno Moisés Rodríguez, alcalde de Tui.
Os dirixentes puideron comprobar o traballo que desenvolven os padexeiros do club co obxectivo de clasificarse para os Xogos Olímpicos de Río de Janeiro 2016, un dos seus grandes desafíos para a presente tempada. O club tudense conta con varias opcións para poder estar presente nesa cita. Moitas das prazas do equipo español decidiranse no Mundial que se disputará en Milán (Italia) no mes de agosto.
José Ramón Lete Lasa interesouse polo traballo de todos eles e mostrouse optimista sobre a posibilidade de que logren os seus obxectivos. O secretario xeral para o Deporte tamén falou cos dirixentes sobre a situación económica do club, que non conta cun patrocinador dende hai varios anos. O Kaiak Tudense, mellor equipo de España de piragüismo, intentará revalidar este título no mes de marzo no Campionato de España de inverno.
José Ramón Lete Lasa recalcou o seu compromiso de intentar mellorar en canto ás axudas e recalcou que mantería un contacto constante con representantes do club no futuro.











