Lete Lasa asina o convenio para o uso do Campo de Fútbol do Couto polos clubs Unión Deportiva Ourense e Ourense Club de Fútbol

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaOurense
A-
A+
Lete Lasa na sinatura do convenio

Lete Lasa na sinatura do convenio

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, xunto cos presidentes do Club Unión Deportiva Ourense e do Ourense Club de Fútbol, Modesto García Puga e Hipólito Naveira López respectivamente, asinaron hoxe na Delegación da Xunta en Ourense o convenio polo que o Goberno autonómico autoriza o uso do campo de fútbol do Couto por ambas as dúas entidades deportivas.

Lete Lasa, acompañado polo delegado territorial da Xunta, Rogelio Martínez, expresou a satisfacción da Secretaría Xeral para o Deporte ao poñer á disposición da cidade, a través dos seus dous clubs de fútbol máis representativos, “unha gran instalación na que poder disputar os partidos das súas competicións oficiais e na que poder radicar os seus locais e as súas sedes sociais”.

O responsable de Deportes enmarcou o acordo formalizado hoxe na política de colaboración que o seu departamento mantén con todas as administracións e axentes deportivos como vía para ofrecer aos galegos e galegas os mellores espazos e condicións posibles para a práctica deportiva. Indicou que iniciativas como a formalizada hoxe son “o mellor servizo que se pode facer ao deporte da cidade de Ourense” e reiterou a importancia de facilitar instalacións axeitadas para “estar á altura dos nosos axentes deportivos, principais responsables da boa marcha do deporte galego”.

Así mesmo, explicou que o seu departamento ten comprometidos 160.000 euros para investir entre este ano -100.000 euros- e o próximo -60.000 euros-, o que permitirá acondicionar espazos baixo as gradas do estadio para albergar as oficinas e dependencias das once federacións deportivas con sede en Ourense, co fin de facilitarlles instalacións máis axeitadas para o desenvolvemento do seu traballo. Habilitaranse once recintos diferenciados, máis unha sala de xuntas para uso común e unha zona de aseos. Estes investimentos únense aos máis de 190.000 euros destinados nos últimos cinco anos para diversas melloras do estadio do Couto, como o acondicionamento de locais, a reparación da bancada, a impermeabilización da cuberta de tribuna, e a mellora do céspede e do sistema de rego.

Lete Lasa rematou a súa intervención lembrando os máis de 2.130.000 euros que a Secretaría Xeral para o Deporte ten investido na cidade de Ourense desde 2009 en actividade deportiva a través das axudas aos clubs, os patrocinios de eventos e de clubs de alta competición, e as axudas aos deportistas de alto nivel.

“Un esforzo que ten unha gran recompensa”, continuou, ao comprobar “o dinamismo deportivo dos ourensáns e ourensás”, que teñen dado nomes tan ilustres ao deporte galego como Fernando Bouso (fútbol), José Luis Gómez Llamas (catedrático), Josefina Salgado (atletismo), Miguel Ángel González (fútbol), Aurora Martínez (ximnasia), Marta Míguez (atletismo) ou Recaredo Paz (deporte para discapacitados), por nomear só algúns dos máis recentemente recoñecidos coa Distinción ao Mérito Deportivo de Galicia nos últimos anos.

Convenio para a autorización de uso do campo do Couto

O acordo asinado esta mañá recolle a autorización para disputar os partidos das competicións oficiais nas que ambos clubs participen, quedando excluída a utilización do terreo de xogo para adestramentos.

Así mesmo, autorízase á Unión Deportiva Ourense a utilización dos locais situados no primeiro andar enriba dos vestiarios locais -a excepción da estancia de zona de control de acceso e seguridade-, e ao Ourense Club de Fútbol os locais situados no primeiro andar enriba dos vestiarios visitantes para levar a cabo as xestións administrativas e deportivas, e para que establezan a súa sede social se así o desexan. Os locais serán acondicionados polos propios clubs, que tamén se responsabilizarán das subministracións necesarias para o seu uso (luz, limpeza, mantemento, etc).

Ambos os dous clubs deberán coordinarse para evitar duplicidades de utilización na mesma semana. A quenda de xornadas iniciarase o día 18 de xaneiro polo Ourense Club de Fútbol, quedando desde este día autorizadas as dúas entidades para a utilización da instalación.

Para evitar coincidencias na utilización do terreo de xogo os clubs deberán dirixirse á Federación Galega de Fútbol para que acomode o calendario de competición de maneira que os partidos locais sexan en semanas alternas.

O canon fixado pola Secretaría Xeral para o Deporte para o uso do campo é de 60 euros por xornada. Ademais, os clubs subscribirán unha póliza de seguro de responsabilidade civil.

16 de xaneiro de 2015 | 17:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.