Iván Alonso e Alberto Díaz serán os únicos padexeiros galegos que participarán na Regata do Río Negro
Iván Alonso e Alberto Díaz Portas, ambos os dous do Kaiak Tudense, serán os únicos padexeiros galegos que participarán na Regata do Río Negro que se disputará durante seis días en Arxentina. Terá un percorrido de 274 quilómetros e é unha das máis duras e esixentes do mundo. Ambos os dous competirán na modalidade de K-1.
“É un gran desafío”, comenta Iván Alonso, que acode a esta cita por primeira vez na súa carreira deportiva. O varias veces campión do mundo e de Europa de maratón sinala que “as etapas son longas e con grandes dificultades. Inflúen moitas cousas. Alí é verán e dixéronme que superan os corenta graos de temperatura”.
O padexeiro tudense recibiu os consellos de Alberto Díaz, o seu compañeiro de equipo. Explicoume que hai un gran nivel e que as regatas son moi distintas ás dun campionato de maratón. O obxectivo é buscar a regularidade, dosificar o esforzo e non cometer erros”, sinala.
Ambos os dous levan varias semanas de preparación para a presente tempada. Para Iván Alonso supón un novo reto na súa ampla traxectoria deportiva. Desvela que “me apetecía moito estar nesta proba. Tamén o tomo como un exame particular”. Insiste en que “a etapa máis longa ten 64 quilómetros de percorrido. É algo pouco habitual e haberá que adaptarse”.
A Regata do Río Negro cumpre o seu cincuenta aniversario, polo que gañala supón un aliciente extra. Ao respecto, o tudense sinala que “é sempre unha gran motivación o poder gañar nunha edición tan especial. Pero imaxínome que outros pensarán o mesmo e ademais estarán igual de ilusionados”. Á competición acudirán representantes de Uruguai, Hungría, Sudáfrica, Francia e Brasil, entre outros países.
Tanto Iván Alonso coma Alberto Díaz Portas foron invitados pola organización. Pero ambos os dous padexeiros tiveron que solicitar un permiso especial nos seus traballos. Iván Alonso contou co respaldo dos responsables de Decathlon, a tenda na que realiza o seu labor. E Alberto Díaz tamén no colexio onde é profesor.
“É importante que os deportistas poidamos contar con este tipo de facilidades para poder competir. Permítennos estar case dúas semanas en Arxentina. Dámoslles as grazas”, sostén Iván Alonso.
A Regata do Río Negro divídese en seis. Comezará o próximo sábado e só hai unha xornada de descanso. A etapa máis longa será de 64 quilómetros e a mais corta de 24. Só haberá un día de descanso. Unha das xornadas máis duras será unha contrareloxo de 43 quilómetros. A previsión é que o gañador invista ao redor de 14 horas en completar a proba.











