Iván Alonso e Alberto Díaz regresan tras acadar un total de 7 medallas na Regata do Río Negro
Iván Alonso e Alberto Díaz, os dous compoñentes do Kaiak Tudense que participaron na Regata do Río Negro, regresaron coas sete medallas logradas noutros tantos triunfos de etapa. Iván Alonso foi segundo na clasificación xeral de K-1 sénior a oito segundos de Pascual Orellana, mentres Alberto Díaz logrou a vitoria en K-1 máster por segunda vez consecutiva.
“Foi unha experiencia incrible”, comentou Iván Alonso despois de completar a súa primeira participación na regata de piragüismo máis dura do mundo. Tiña previsto un percorrido de 274 quilómetros, reducidos finalmente a 214 debido á suspensión da etapa máis longa polo forte vento. O padexeiro de Tui desvelou que “se vive unha regata cun ambiente impresionante. Estou disposto a repetir. É como a Dakar pero en piragüismo”.
Gañou catro etapas pero non foi suficiente para alcanzar a primeira posición na clasificación final. A primeira delas foi decisiva. Entrou no segundo posto, pero Fabián Orellana adquiriu unha vantaxe que despois foi capaz de administrar.
Iván Alonso recoñeceu que “ese momento foi moi importante. El coñecía o río, a zona, as correntes e aproveitouse. Eu era máis rápido nas chegadas, pero non logrei recuperar a desvantaxe”. Non obstante, indicou que “para ser a primeira vez é moi importante o segundo posto na clasificación xeral”.
O padexeiro de Tui sinalou que “as etapas son moi duras e esixentes. Moi longas e con moitos participantes. O río non ten as mellores condicións, pero é unha loita constante. É unha experiencia interesante”. Iván Alonso desvelou que o intenso esforzo xogou tamén na súa contra: “Alí é verán, con temperaturas que superan mesmo os 40 graos. Foi un cambio moi brusco. Todos estes detalles inflúen nunha regata tan longa”, recalcou.
Iván Alonso está afeito a disputar a proba de maratón, que ten un percorrido aproximado de 30 quilómetros. As etapas no río Negro eran máis longas. “Había que dosificar o esforzo e estar atento a moitas cousas. Non é sinxelo nun percorrido tan longo. Sempre rematas moi canso”, sinalou.
Dende o primeiro día produciuse o duelo entre Fabián Orellana e Iván Alonso. O arxentino foi décimo no pasado Mundial de maratón disputado en Oklahoma, no que o tudense foi segundo. Ambos os dous coñecíanse. Orellana realizou unha gran preparación da Regata de Río Negro, unha das súas probas máis importantes de toda a tempada. Ademais, contaba coa vantaxe de coñecer a zona. Iván Alonso recoñeceu que nos marcamos moito. Había unha sa rivalidade. Foi un duelo intenso e moi deportivo”.
Alberto Díaz logrou o seu segundo triunfo consecutivo en K-1 máster. O tudense acudía á cita por terceira vez e volveu sentir boas sensacións: “A primeira etapa é crave. Logrei unha boa diferenza e despois tiven que dosificar. É unha competición na que pode pasar calquera cousa e perder tempo. Por iso é importante ter experiencia”.
O padexeiro do Kaiak Tudense perdeu tres minutos na última xornada, pero iso non lle impediu lograr a vitoria na xeral: Encontreime mal e tiven que facer un grande esforzo. Pero mereceu a pena”. Ao igual que Iván Alonso recoméndalle aos seus compañeiros padexeiros que “deberían vivir esa experiencia se poden. É única”.
Os dous deportistas regresaron coas súas medallas, pero sen os trofeos. Cedéronllos á Asociación de Españois de Viedma, un colectivo ao que pertencen emigrantes galegos e as súas familias. Fixéronnos socios en agradecemento por estar alí. Foi moi emotivo, tanto para nós coma para eles,” sinalou Alberto Díaz.
Iván Alonso puido acudir a esta cita grazas ao apoio de Decathlon, a tenda de deportes na que traballa, e que lle concedeu un permiso extraordinario. Alberto Díaz tamén tivo o seu no colexio onde é profesor.











